Xoves. 28.03.2024
El tiempo

Aberto o prazo para o certame de poesía Antón Zapata García

Aberto o prazo para o certame de poesía Antón Zapata García

O concello de Laxe abriu o prazo de entrega de poemas aspirantes a gañar cada unha das tres categorías do VIII Certame de Poesía Antón Zapata García. A convocatoria está aberta ata o 18 de agosto. Os principais motivos para convocar esta oitava edición do Certame de Poesía Antón Zapata García son dar a coñecer a figura e obra do poeta local Antón Zapata García, así como xerar oportunidades de expresión literaria que promovan a vertente cultural da poesía incrementando o patrimonio cultural. No certame pode participar toda a veciñanza laxense, así como todas aquelas outras persoas que o desexen, sendo posible inscribirse nas seguintes categorías: - Infantil: ata 11 anos - Xuvenil: dos 12 aos 25 anos - Adultos: a partir dos 25 anos A extensión e temática dos traballos que se presenten ó certame é totalmente libre, podéndose participar cun único poema e/ou con varios, sempre que estes reúnan a condición de ser inéditos. Estes poderanse presentar tanto en galego como en castelán. Para garantir o anonimato, deben remitirse baixo pseudónimo ás Oficinas da Concellaría de Cultura e Benestar, preferentemente por correo postal ó enderezo: Avda. Cesáreo Pondal, nº 26, 15117 Laxe. No sobre de envío, indicarase en letras maiúsculas “VIII CERTAME DE POESÍA ANTÓN ZAPATA GARCÍA”, así como a categoría á que se concursa e o pseudónimo elexido. No interior deste sobre, remitirase a obra en formato papel xunto cun sobre pechado máis pequeno no que se deberán incluír os datos persoais completos do autor ou autora: nome, apelidos, data de nacemento, enderezo e teléfono de contacto. Fallo do xurado O resultado do xurado darase a coñecer o sábado 23 de agosto no acto do Solpor Poético, no que contaremos coa actuación do cantautor galego Xoán Eiriz. A actuación dará comezo ás 20:00 horas na Praia dos Cristais, sempre e cando o tempo o permita. Do contrario, celebraríase no patio cuberto situado na Praza dos Voluntarios. Na metade do concerto, farase entrega dos premios e diplomas ós/ás gañadores/as de cada categoría do certame, e como novidade deste ano, daráselle a cada concursante un pequeno agasallo por parte do Concello de Laxe pola súa participación.

Comentarios