Venres. 29.03.2024
El tiempo

Alfredo Cañizo sobre a Mikaela: "Ogallá isto se converta en algo xa non só a nivel galego, senón a nivel nacional"

Alfredo Canino Concelleiro de Festas co cartel da Mikaela
Alfredo Cañizo sobre a Mikaela: "Ogallá isto se converta en algo xa non só a nivel galego, senón a nivel nacional"

Xa non queda nada para que chegue a ansiada Mikaela, unha das festas máis peculiares do entroido costeiro que ano tras ano vai conseguindo novos adeptos que se achegan ata Buño. Cunhas impresións coma estas, en QPC quixemos falar con Alfredo Cañizo, edil  responsable da Concellaría de Turismo, Seguridade, Tráfico, Servizos e Agro para comentar con el un pouco algunhas das novidades deste ano da festa e as expectativas que hai postas nesta nova edición.

  • QPC: Que significa a Mikaela para Malpica?

A Mikaela é unha festa importante. Naceu pensando que ía ser unha cousa sinxela, normal, e pouquiño a pouquiño foise convertendo nunha festa xa grande que reúne a miles de persoas en Buño. Converteuse nun evento espectacular. A uns non lles gusta porque din que non é unha festa como a tradición manda, outros din que festas destas fan falta moitas porque ven a xente... En fin, eu estou contento coa Mikaela e dende a miña concellaría apóioos en todo.

  • QPC: Podemos dicir que esta é unha das festas máis importantes para a mocidade de Bergantiños e cada ano hai máis e máis xente que se achega ata Buño, hai algunha cifra estimada de asistencia?

Calculouse máis ou menos o ano pasado que apareceron unhas 7.000 persoas. Iso é moita xente.

  • QPC: Este ano incluso se esperan máis persoas, pois sabemos que van chegar buses non só da zona, senón tamén de varios puntos da xeografía galega. Cales son as expectativas para este ano con toda esta aglomeración de xente?

Ogallá non me equivoque, pero eu creo que vai ser espectacular este ano porque habilitouse na zona de Camposa, onde se facía antigamente a Mostra de Olaría, o terreo onde vai estar concentrada a festa. Este é o primeiro ano que se fai alí e a ver como resulta. Eu penso que vai ser un éxito total. E en canto as previsións de xente que poida vir de distintos puntos de Galicia, ogallá isto se converta en algo xa non só a nivel galego, senón a nivel nacional.

  • QPC: Que impacto económico supón este evento para Malpica e, máis concretamente, para Buño?

O cálculo matemático non está feito, pero isto o que supón é recoñecer o entroido de Malpica e ademais a xente acércase a aquí e ven coñecer a zona e todo o que temos no Concello, que é moito. E o máis importante é que é un día especial para Buño, un día no que os bares de Buño traballan e eu creo que lle da un gran impulso económico. Logo tamén, durante o resto do ano, toda esa xente que veu á Mikalea vai volver a Malpica para coñecela, para estar en Malpica e recordar o seu paso pola Mikaela, e iso tamén é importante. Todo é turismo, é darnos a coñecer, un sitio especial como é Malpica.

  • QPC: En materia administrativa, que esforzos está a facer o Concello por apoiar a festa?

Nós en todo o que nos pediron os rapaces da comisión, que fan un traballo espectacular e ademais sei que hai tempo que están a traballar, nós apoiámolos practicamente en todo.

  • QPC: Como está a ser esa comunicación entre a organización e o Concello?

Fluída totalmente. Xa tivemos varias reunións, os rapaces son xente aberta, xente seria... Nós colaboramos con eles en todo o que poidamos porque tamén o que queremos é que salgan ben os eventos en Malpica. Entón a nosa colaboración ten que ser total, porque todo o que fagamos é bo para Malpica. E xa che digo, a comunicación espectacular, e dende o Concello apostamos totalmente para que os rapaces teñan todas as facilidades do mundo para que o evento salga ben.

  • QPC: Que novidades veremos este ano?

Home, a novidade máis grande é a sitaución, eu creo que é o máis importante, porque tamén imos ter unha zona de aparcamentos moi grande. A misa vaise facer coma sempre á unha da tarde alí na rotonda de Xornes, o percorrido polo pobo vai ser igual, pero logo a concentración e a festa importante  vai ser alí abaixo e esa é a novidade máis grande que temos.

Despois, tamén vai haber pulpeira, churrasqueiras... vai haber un pouquiño de todo iso. Os rapaces queren facer unha festa ao grande e por iso vai haber unhas carpas enormes montadas para poder comer alí. A parte, hai pedida unha ampliación do horario á Delegación de Goberno, pero que tampouco sobrepase os límites racionais dunha festa, e trasladamos a parada de taxis para alí, para que a xente teña os taxis a man.

  • QPC: Nunha festa tan grande e con tanta xente, a seguridade é un punto importante. Como é posible ter todos os cabos ben atados nese sentido?

En temas de seguridade poñemos todo canto poidamos, pero nunha multitude de xente sempre pode haber quen non estea tranquilo, quen alborote... Pero imos intentar que, como todos os anos, salga o mellor posible.

A zona vai estar valada e vixiada e vai contar con toda a seguridade que poidamos. Xa tivemos algunha reunión Garda Civil, Policía Local, Protección Civil, os da festa mais eu mesmo para que todo salga ben. Contaremos con unha ou dúas ambulancias por calquera problema que poida xurdir, e que haxa un centro de atención sanitaria continuado.

  • QPC: Xa para rematar, o domingo pola mañá podemos ver a outra cara da festa. Como van afrontarse os traballos de limpeza?

Xa está todo previsto. A parte de que vai haber Policía Local ata as 9 da mañá para que non pase nada, logo os servizos municipais de limpeza poranse mans á obra para que en 3-4 horas, ou as que fagan falta, poidan deixar aquilo como estaba antes de comezar a festa.

Máis información

Comentarios