Martes. 23.04.2024
El tiempo

Alumnado do IES Urbano Lugrís e do CPR Fogar de Santa Margarida intercambian experiencias

Alumnado do IES Urbano Lugrís e do CPR Fogar de Santa Margarida intercambian experiencias
Alumnos e alumnas de 1º de ESO do CPR Fogar de Santa Margarida e de 2º de ESO do IES Urbano Lugrís de Malpica participarán mañá nunha “Saída didáctica de intercambio” inserida dentro das actividades da semana cultural do centro malpicán. Nela abandonarán as aulas pechadas dos seus respectivos centros e abriranse ao coñecemento no territorio. Contidos curriculares de cada curso serán traballados fóra do libro de texto coa participación fundamental do propio alumnado no proceso de aprendizaxe. Serán eles os que poñan voz en cada parada aos recursos que ofrece a contorna mediante observacións da paisaxe, explicacións, recitado de textos ou resolución de dúbidas. Esta saída didáctica comezará ás 9:30 horas na aldea de Beo coa posterior visita didáctica ao castro de Punta Galeana, ás formacións xeolóxicas da praia de Beo, á amplitude temática das illas Sisargas, á riqueza etnográfica da contorna de santo Hadrián, ao descubrimento do sistema dunar da praia de Seaia e á actividade  deportiva na praia de Canido. Cultura castrexa, megalitismo, xeoloxía, naufraxios, toponimia, aves, vexetación costeira, lendas, poesía, literatura pondaliana, textos de Xelucho Abella ou José Mas e actividade deportiva encherán unha completa xornada que rematará mediada a tarde. Tamén a inmersión lingüística en galego de alumnado de cidade co castelán como idioma materno. Para que gran parte dos recursos vistos no territorio non queden no esquecemento, cada alumno contará cun caderno de campo no que deberá anotar ideas, colorear páxinas ou consultar mapa de ruta. Esta guía de traballo foi elaborada por profesorado de ambos centros académicos. Fonte

Comentarios