Xoves. 28.03.2024
El tiempo

Arte, poesía e música na homenaxe nacional a Paco Souto

Arte, poesía e música na homenaxe nacional a Paco Souto
Enma Abella e Goretti Sanmartin no Teatro Colon na homenaxe a Paco Souto Enma Abella e Goretti Sanmartin abrindo no Teatro Colon a homenaxe a Paco Souto

Arte e emoción. Así foi, como a el lle tivera gustado ver, a homenaxe que a Deputación da Coruña realizou a pasada noite do sábado no Teatro Colón en clave nacional a Paco Souto. Unha cita, baixo o título “Atesourando a palabra”, coordinada pola poeta Rosalía Fernández Rial, que contou coa presencia da vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei, e da viuva do poeta, Enma Abella, encargadas de abrir un acto cheo de artes plásticas ao vivo, poesía e música.

Participaron representantes da poesía galega como Miguel Mato Fondo, Marta Dacosta, Xosé Iglesias, Lino Braxe, María Xosé Fernández ou Paco de Tano; artistas plásticas como Viki Rivadulla, Peter Kramer, Peter Schneider, Mon Lendoiro, Chiña ou Abraham Vila, músicos como Serxio Moreira, Aida Saco e Fran Barcia, ou persoeiros do eido audiovisual como o cineasta Xosé Bocixa, cuxas intervencións contribuirán a lembrar a figura dun escritor que promoveu unha gran de cantidade de inicitivas culturais nas diferentes artes.

“Paco Souto foi a personificación do verbo dar”, salientou Férnández Rial, lembrando a actitude “voluntariosa e colaborativa” do gran “axitador cultural”.

Homenaxe nacional a Paco Souto Homenaxe a Paco Souto-Foto-Xan Fernandez Homenaxe a Paco Souto-Foto-Xan Fernandez

Unha pequena biografía

Paco-Souto-candidato-do-BNG-a-alcaldia-de-Malpica Paco Souto, un verdadeiro activista social e cultural Nacido na Coruña en 1962, Paco Souto morreu en exercicio do seu traballo de percebeiro en Razo o 30 de marzo deste mesmo ano. Poeta, editor e promotor cultural, obtivo, entre outros, os premios Espiral Maior 1994 por As árvores do incesto e o Johán Carballeira do concello de Bueu 2006 por As horas de María. Participou en exposicións colectivas e individuais, ilustrou libros e colaborou en diversas montaxes teatrais. En 1993 realizou xunto a Laura Quintillán e Kukas o espectáculo pluridisciplinar América; no 2001 creou Aínda con Serxio Moreira ao piano e realizaron Como augas de maio e en 2003 Aviléscanto, unha homenaxe a Avilés de Taramancos. En 2007, As horas de María e en 2008, por encarga da A. C. Monte Branco, unha homenaxe a Xelucho Abella, autor homenaxeado nas Festiletras do Couto, Lugar de incendios, montaxe que reunía pintura e poesía da súa autoría con música do pianista Serxio Moreira. En 2016 publicou o seu último libro individual, e Caín. Con Rosalía Fernández Rial, Serxio Moreira á música e a fotografía de Peter Schneider asinou Tempo escuro. En 2015 daban ao prelo Catálogo con Rosalía Fernández Rial e os ilustradores Chiña e Mon Lendoiro. E editaron o CD Proxecto Barro, parte dun espectáculo multidisciplinar que clausurou a Mostra da Oleiría de Buño. Dirixiu con Paco de Tano a colección de poesía Caldeirón. onde se editan os premios de poesía erótica Illas Sisargas. Neste mesmo ano, o seu poema "Terradentro" gañou o premio aRitmar da Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela. (datos tirados da ficha do autor da AELG).

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios