Xoves. 25.04.2024
El tiempo

O BNG presenta outra moción para axilizar as obras de seguridade do porto de Malpica

Imaxe do Informe da CIAM
Imaxe do Informe da CIAM sobre o accidente do Silvosa
O BNG presenta outra moción para axilizar as obras de seguridade do porto de Malpica

Segue o porto de Malpica, 3 anos despois do terrible accidente mortal, sen unha solución para o problema de seguridade na dársena do porto. A pesar das innumerables queixas da familia, e ata dos acordos unánimes no Parlamento, a Xunta continúa facendo probas e estudos experimentais para ver que solución tomar e non obrigar ás embarcacións, día tras día, xogarse a vida ao entrar na dársena.

Quen o lembra é o BNG, da man do seu voceiro Miguel Varela, que presentou unha moción para debater no seguinte pleno, na que solicita “instar á Xunta a iniciar un proxecto para a ampliación do dique de abrigo do porto de Malpica” e a “executar na maior brevidade posíbel as obras de mellora da seguridade da dársena”.

Contexto

Pon en contexto a situación Varela, lembrando a importancia do sector do mar nun Concello que perdeu 2.000 habitantes nos últimos 20 anos. “Perda de poboación que hai que poñer en relación directa coa decadencia inducida do sector pesqueiro aquí, na Galiza, polas políticas do estado español e o pouco pesco político da Xunta en Europa”, valora.

Varela lembra que “a pesar que se perderon moitas embarcacións de cerco, a día de hoxe en Malpica hai:
• 13 cerqueiros
• 30 embarcacións dedicadas ás artes menores
• 15 ao percebe
• 1 volanteiro
• 1 palangreiro de fondo
• 22 mariscadoras a pé.
Un total de 232 socias e socios nunha “confraría dinámica, que coa actual directiva, conseguiu reducir unha débeda de 400.000 € que arrastraba con Portos de Galiza, o brazo recadador da Consellería do Mar, e que a día de hoxe é de 190.000 €, en cumprimento dos prazos acordados”.

Varela lembra que o pósito mellorou as vendas neste complicado 2021 e valora as novas formas de explotación e negocio nas que están traballando, como é o caso das algas, a anámona a zamborca ou da ortiguilla de mar, e o ourizo.

A seguridade

”Malpica quere seguir vivindo por e para o mar e, dende o sector, estase facendo todo o posible para que así sexa”, sentenza. Por iso “é necesario resolver outro problema máis grave: o da insuficiencia das estruturas: o da seguridade na dársena do porto de Malpica”.

A construción do porto remóntase 1869, se ben o actual dique contruiuse en 1929,con posrterior prolongación en 1983. O muelle interior e a dársena é de 1955 e as comportas da dársena ao ano 1969. O problema é de sempre, como recoñece o informe da Comisión Permanente de Investigación de Accidentes e Incidentes Marítimos (CIAIM) sobre o accidente do pesqueiro Silvosa, que sinala que na remodelación de 2006 tampouco se mellorou a situación de seguridade.

Así, a día de hoxe, exactamente igual que hai 3 anos, “cando a comporta está aberta, a enerxía da ondada refléxase nos muros verticais, o que provoca correntes e remuíños no interior da dársena. A este problema hai que sumarlle a velocidade da auga dentro do canal, o que dificulta enormemente que calquera embarcación que transita por el poida realizar calquera tipo de manobra, e complica moito as operacións de entrada e saída da dársena, especialmente en condicións de mar adversa. Nas actuais circunstancias, a entrada ou saída de embarcacións da dársena supón un perigo constante para a integridade non só das embarcacións, senón o que é moito peor, para a integridade física dos mariñeiros.

Varela lembra que Portos tardou un ano en anunciar a posta en marcha dun sistema de previsión de correntes, para “estimar”, con 72 horas de antelación, a velocidade da corrente que se producirá na comporta. É o sistema semáforo, que indicaría aos usuarios do porto cales serían as condicións de acceso á dársena interior do peirao (Verde: uso recomendado; Amarelo: precaución; Vermello: uso non recomendado).
Un ano despois, en febreiro de 2021, Portos anuncia outro proxecto experimental do que aínda non se coñecen resultados. E o pasado mes outubro do 2021, nunha iniciativa presentada polo BNG no Parlamento Galego, acadouse a unanimidade de todos os grupos políticos na que se instaba a Xunta “a executar a maior brevidade posíbel, as obras de mellora da seguridade da dársena de Malpica, e a comprometerse a incluír nos orzamentos do 2022 unha cantidade suficiente para a súa execución íntegra, ou no caso de realizarse por fases, incluír cantidade suficiente para execución dunha primeira fase.”

Así e todo, nos Orzamentos de 2022 da Xunta non hai ningunha partida para executar esas obras, denuncia o BNG, que lembra que o PP denegou a enmenda para destinar 1 millón de euros presentada polo seu grupo para o asunto.

Posibles solucións

Varela apunta: ”A ninguén en Malpica se lle escapa que a alternativa, case a única, é a ampliación do dique de abrigo, obra coa que se resolverían os problemas de seguridade da dársena, facendo máis segura a entrada e saída da mesma e creando unha zona de fondeo recollida, incluso fóra da dársena, e que ademais permitiría aumentar a actividade portuaria de Malpica, co impulso que iso suporía para o pobo e a comarca: atraque de barcos grandes, posibilidade de que descargasen alí barcos de baixura que por loxística lles conviría, aumentar os servizos do porto…”

”Sabemos da complexidade desta obra polas especiais características deste porto, pero tamén sabemos da súa necesidade que, para a Xunta, máis que necesidade debería ser unha obriga, atendendo ao feito de que cada día as embarcacións que saen da dársena de Malpica para faenar arríscanse a un accidente e, as súas tripulacións, ven perigar a súa integridade física e, incluso, a súa vida”.

Novas relacionadas

Comentarios