Mércores. 24.04.2024
El tiempo

Coñecendo o legado de Urbano Lugrís no 60º aniversario da Casa do Pescador de Malpica

Coñecendo o legado de Urbano Lugrís no 60º aniversario da Casa do Pescador de Malpica
Conecendo o legado de Urbano Lugris na Casa do Pescador- Ruta Lugris Malpica

Fantástica a iniciativa da Asociación Cultural Caldeirón, que despois de participar este verán na ruta organizada polo Museo do Mar de Caión, pensou na figura de Lugrís para articular un percorrido similar arredor da pintura, a música e a poesía. Todo iso coincidindo co 60º aniversario, neste mes de setembro, da inauguración da Casa do Pescador de Malpica.

Así, o pasado domingo, a asociación aromou a primeira “Rota Lugrís”, que empezou ás 12:00h da mañá na Casa do Pescador, inaugurando a xornada xunto a escultura da balea, para de seguido subir a ver as pinturas de Lugrís que están neste edificio.
Quen exerceu de guía foi o poeta Paco de Tano, presidente da Asociación Caldeirón que era a organizadora do evento. Había moita xente do mundo da cultura costeira, poetas, pintores, membros da Asociación In nave civitas, escultores, etc… Todos unidos por un amor común á obra de Lugrís e as gañas de pasar un bo día entre amigos.

Ruta Lugris con Paco Souto de guia

Acompañou o percorrido Olivia Rodriguez, estudosa da obra literaria do pintor, que foi lendo algún dos seus textos nas paradas e tamén un veciño de Malpica que coñeceu persoalmente a Lugrís. O percorrido pasou pola lonxa, pola Atalaia, o Caldeirón, a casa na que se aloxou Lugrís na súa estadía en Malpica, etc… e durante o percorrido houbo poemas con Paco Souto, explicacións sobre a historia e a vida de Malpica con Xurxo Alfeirán, historia de naufraxios e pasado baleeiro con Fernando Patricio Cortizo e Xabier Maceiras…

Pero sobre todo “houbo un impregnarse das rúas de Malpica, esa vila que se descolga cara o mar, rúas nas que atopamos pequenos rincóns que nos sorprenden, casas con osos de balea nos seus muros, historias en recunchos agochados do vento que falan doutro tempo e que deixan un innegable sabor a vila mariñeira”. Así nolo conta Viki Rivadulla. A artista muxiá foi unha das que sacou o pincel e se puxo a crear baseándose na obra de Lugrís, unha fermosa ofrenda e demostración de respecto e admiración.

A muxia Viki Rivadulla pintando por Lugris

Un Lugrís de Taberna

Miguel Anxo Calvo tocando na Taberna da Checa

No percorrido cara o Caldeirón unha parede de táboas na que o grande Xaime Cabanas deixou a Malpica o agasallo dun mural co seu estilo inconfundible, outro dos tesouros que ten esta vila. Logo do percorrido agardaba a sorpresa: a taberna da Checa abriu de novo as súas portas para este día; outro agasallo da súa dona, a señora Gloria. Hai tempo que esta taberna frecuentada por Lugrís está pechada, pero conservase intacta tal como era daquela. Alí a taberna volveu ser taberna, e as paredes cobraron vida tabernaria con viño, empanada e a música do incombustible Xurxo Souto.

”Momento máxico e festa rachada onde quedou demostrado que somos un país no que en canto escoitamos un par de notas e arrimamos algo á boca xa estamos dispostos á festa”, cóntanos Viki. Logo o xantar na lonxa, xurelos asados e viño, foi o momento para os artistas que pintaron, pensando en Lugrís, alí mentres remataba o xantar.

Estes eran algúns dos artistas que participaron: O Mighelo, Cristina Castro, Santi Picos, Mon Lendoiro, Nolo Suárez, Inma Doval, Nando Pereiro, Carlos Botana, Delio Sánchez e Viki Rivadulla. Mentres que en clave poética, asistiron Miguel Mato, Xosé Iglesias e María Xosé Fernández, ademais dos Pacos de Malpica.

Artistas pintado por Lugris-Foto-Viki Rivadulla

Novas relacionadas

Comentarios