Venres. 29.03.2024
El tiempo

A Confraría de Malpica reclama máis medios de vixilancia na tempada estival ante o aumento do furtivismo

mochila de percebes furtivos
Mochila con 12 kg de percebes atopada nas rochas de Malpica
A Confraría de Malpica reclama máis medios de vixilancia na tempada estival ante o aumento do furtivismo

Dentro destas importantes datas nas cales os produtos do mar obteñen elevados prezos e as Confrarías e os seus socios proceden á apertura das mellores zonas para explotar os seus recursos da mellor calidade a fin de obter os mellores prezos, tamén se produce un forte incremento do furtivismo.

O pósito malpicán tiña aberta para a extracción do percebe unha das mellores zonas para os días 12 e 13 de Agosto. O Servizo de Vixilancia, na súa rutina habitual de traballo e tras pasar os oportunos controis ós profesionais, atoparon agochada entre as rochas unha mochila adaptada e modificada que contiña aproximadamente 11.50kgs de percebe que poderían ter un valor total de 1.000€ no mercado coas cotizacións que se obtiveron tanto na lonxa coruñesa como na malpicá. Dito produto foi entregado no centro benéfico “Hijas de la Caridad” de Carballo.

Estes sucesos, ao igual que ten pasado noutras Confrarías veciñas, así como as últimas operacións de furtivismo co percebe (caso dos 135 quilos apresados na Costa da Morte nunha das maiores operacións da historia), non fan máis que incrementar o malestar dos socios que reclaman tanto á Confraría como as Administracións competentes o incremento da vixilancia nas tempadas estivais nas cales depende gran parte do seu sustento anual, ao entender que se xera produto sen trazabilidade no mercado, afecta ós prezos de xeito negativo e se produce un dano irreparable nas mellores zonas destinadas a traballar en determinadas datas do verán e do Nadal, das cales dependen un gran número de familias.

En base a isto, cada vez son máis as voces que solicitan que dende a Consellería do Mar se realicen suspensións temporais dos permisos de explotación para aquelas sancións máis graves e tamén se destine máis recursos nas campañas estivais nas cales certas costas son obxecto dun turismo masificado que pode provocar o efecto do “furtivismo de bañador” para certas especies e/ou incluso no marisco en xeral, robaliza, badexo, ourizo, etc., que son especies de gran interese comercial e que forman parte do sustento de centos de pescadores.

Se por Corme pensan en dotar un dron ao vixilante, e por Carnota abogan pola concienciación veciñal, en Malpica valoran a incorporación dun novo vixilante para facer fronte a estes contratempos xa que comezaron a explotación de novos recursos como as anemones, algas e en breve ourizo a pé. Ademais, están na busca todoterreo 4x4 híbrido cun proxecto subvencionable para zonas de difícil acceso e cubrir máis costa e acollendo con boa vontade a actitude amosada polos mariscadores, os cales se ofreceron voluntarios para realizar vixilancias nocturnas ao igual as que se veñen realizando xa noutras Confrarías veciñas con bastante éxito.

Novas relacionadas

Comentarios