Martes. 20.08.2019
El tiempo

Monte d’Arxa pide ao Concello de Malpica que tramite a poxa pública dos eucaliptos da Croa do Castro para seguir adiante co proxecto

Monte d’Arxa pide ao Concello de Malpica que tramite a poxa pública dos eucaliptos da Croa do Castro para seguir adiante co proxecto
A zona da Croa do Castro de Cerqueda-Foto-Sole Felloza A zona da Croa do Castro de Cerqueda aínda ten eucaliptos arredor-Foto-Sole Felloza

A directiva da Asociación de Veciños Monte d’Arxa mantivo unha reunión co alcalde de Malpica de Bergantiños para tratar o seguimento das reclamacións que realizaran na propia alcaldía antes das vacacións de Nadal.

A Croa do Castro

No tocante ao paralizado proxecto da Croa do Castro de Cerqueda, a directiva expresoulle ao alcalde o seu malestar porque aínda non se talaron os eucaliptos. Esta tarefa estaba contemplada no proxecto de desbroce de hai tres anos. Por culpa disto, Patrimonio non permite executar novo proxectos na Croa. Entre estes novos proxectos está o pase do radar terrestre a toda a superficie do castro e o comezo de escavacións. Se o Concello quere promover escavacións no que queda de lexislatura deberían relizarse neste verán.

Parque do megalitismo

Tamén en clave patrimonial, Monte d’Arxa tamén se congratulou do proxecto que anunciou a Deputación da Coruña no cal pretende comprar os dolmens da Costa da Morte. A directiva comunicoulle ao alcalde, sempre que se chegue a acordos cos propietarios, que adquira Pedra da Arca de Folgueira e o dolmen da Costa en Santiso, así como as mámoas que forman parte da necropole de Cerqueda.

Estradas

No capítulo da rede de estradas locais insistiron na limpeza de cunetas ao longo da parroquia, na reparación das pistas arredor do lugar de Ardeleiro, na mellora da estrada desde O Asturiano ata a igrexa de Cerqueda contando cunha senda peonil, na continuación do asfaltado da pista da parcelaria desde As Pozacas ata Taraio e desde aquí ata Pasacondía, no asfaltado da estrada desde a taberna de Cerqueda ata Leduzo e na reparación da pista da parcelaria que vai desde Pasacondía ata Ardeleiro.

Rede de saneamento e senda peonil

Dado que son obras que se deberían executar por admnistración superiores, incidiuse de novo na elaboración dunha senda peonil entre Filgueira e A Aldeola con rede de alcantarillado e no desenvolvemento dun plan de saneamento integral en todos os lugares da parroquia.

Por último, Monte d’Arxa demandou colaboración para a Foliada de Cerqueda da vindeira fin de semana e apoio para unha festa parroquial de verán que se celebrará o 23 de xuño.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios