Mércores. 21.08.2019
El tiempo

Susana Seivane e Luar na Lubre subiranse ao escenario da Festa Galega de Malpica

Susana Seivane e Luar na Lubre subiranse ao escenario da Festa Galega de Malpica
luar-na-lubre Luar na Lubre actuará o 18 de agosto en Malpica. Imaxe: Facebook Luar Na Lubre Co verán ás portas, Malpica pensa xa na súa XI Festa Galega na que, como non, a música tradicional será a protagonista dos días 17 e 18 de agosto. Así, o concello - organizadores do evento - vén de dar a coñecer os pratos fortes do cartel. A gaiteira Susana Seivane e a célebre banda Luar na Lubre, dúas iconas do panorama actual, serán os pratos fortes dunha edición na que tamén se darán cita algunhas das mellores voces da música folk da Costa da Morte. Os asistentes á Festa Galega deste ano terán a oportunidade de gozar e bailar ao son dos mellores. E non é unha frase feita, porque o vindeiro mes de agosto pasarán pola localidade dous referentes do folk en Galicia con maior proxección fóra das nosas fronteiras. O venres 17, Susana Seivane, herdeira dunha das máis prestixiosas familias de gaiteiros e artesáns galegos, será a primeira en subirse ao escenario para ofrecer un xenuíno concerto no que fusionará o estilo máis enxebre da gaita coa influencia de novas tendencias musicais nun espectáculo cheo de frescura e orixinalidade. Ao día seguinte, o sábado 18, será a quenda da mítica formación galega Luar na Lubre. Con máis de 30 anos de traxectoria, 17 discos editados e 300.000 copias vendidas, o célebre grupo de música celta protagonizará unha auténtica viaxe ás súas orixes para sorprendernos co seu último traballo recompilatorio, co que está a colleitar grandes éxitos. O departamento de Cultura, que dirixe Noelia Freijeiro, segue a traballar na elaboración do programa da XI Festa Galega para converter a Malpica no epicentro da música folk durante toda unha fin de semana. Fonte

Comentarios