Venres. 29.03.2024
El tiempo

Volven as ‘Tardes na Biblioteca’ a Malpica

Última hora: Suspendida a sesión do 2 de outubro tralo decreto de loito oficial polo pasamento de dúas persoas no peirao
Tardes na Biblioteca de Malpica
Volven as ‘Tardes na Biblioteca’ a Malpica

Tres citas prepara a Biblioteca Municipal Eduardo Blanco Amor de Malpica para recibir de novo aos máis cativos. A nova programación das Tardes na Biblioteca comeza este venres 2 de outubro, con Inacio Vilariño co ‘Espantamedos’, unha proposta de contos e cancións para enfrontarse a eses medos patrimoniais que, dun xeito ou doutro, perviven na sociedade galega nos nosos días.

Na segunda sesión, do 9 de outubro, Magín Blanco escenificará o espectáculo ‘O que levamos nas maletas’, un contacontos musicado que axudará aos nenos e nenas a estimular a súa creatividade e curiosidade polas letras e as palabras, pola lingua, polos contos e a música para que poidan artellar o seu propio universo creativo.

Para pechar a programación, o 16 de outubro, Pérez&Fernández traerán a Malpica ‘Rosa e Azul’, un espectáculo de narración oral que reflicte unha realidade que os nenos e nenas deberán coñecer. Bruxas malvadas, un neno que leva posto un vestido rosa e un pai que é ama de casa. Unha coidada selección de contos non sexistas que pretende eliminar valores e actitudes estereotipadas.

Reserva de entradas

Para reservar asento, xa que o aforo é limitado pola situación sanitaria, pódese chamar ao 981 707 104. Recoméndase a presenza dunha persoa adulta por cada nena/o, e todas as sesións se celebrarán ás 18:00 horas.
Será de uso obrigatorio a máscara sanitaria para maiores de 6 anos e haberá a disposición das persoas usuarias xel hidroalcólico.

Comentarios