Xoves. 25.04.2024
El tiempo

3 novos puntos de vertido de augas residuais erradicados en Carnota, Mazaricos e Ponteceso

3 novos puntos de vertido de augas residuais erradicados en Carnota, Mazaricos e Ponteceso

Continúan sendo unha sangría para a saúde das nosas rías os puntos de vertido de augas residuais nas nosas comarcas. A pasada semana Augas de Galicia da Xunta verificaba a erradicación de tres puntos localizados en Carnota, Mazaricos e Ponteceso, trala intervención dos inspectores adscritos ao Plan de control de vertidos. A intervención dos inspectores adscritos ao Plan de control de vertidos permitiu eliminar tres conexións irregulares que tiñan como destino último o Dominio Público Hidráulico.

Primeiramente, despois da intervención o Concello de Carnota dotou ao lugar de Maceira, na parroquia de Santa Comba, dunha nova rede de saneamento, que permitiu erradicar as verteduras de augas residuais procedentes dalgunhas vivendas da zona a través da recollida de pluviais, e que podían chegar a afectar o rego de Mallou.

Do mesmo xeito, no concello de Mazaricos, a intervención dos inspectores facilitou a emenda de achegas irregulares procedentes de varias explotacións gandeiras que vertían á rede de recollida de pluviais. Cómpre indicar que esta rede ten como destino final o rego de Foxas, polo que era necesaria unha actuación urxente por parte das explotacións gandeiras co fin de resolver esta problemática.

Por último, en Ponteceso, unha factoría localizada na parroquia de Tella instalou novas canalizacións de recollida das augas residuais para evitar, así, as verteduras cara ao Dominio Público Hidráulico. Despois de sucesivas inspeccións realizadas polo persoal da Gardería Fluvial de Augas de Galicia e do Plan de Control de Vertidos, o titular da empresa procedeu ao acondicionamento da súa rede de saneamento e axustarse, deste modo, aos limiares de vertedura autorizados. Os indicios detectáronse na cuneta da AC-423 e, tras realizárense as análises correspondentes, comprobouse que a factoría incumpría os valores de referencia, polo que se lle requiriu que adoptase as medidas correctoras necesarias.

Fonte

  • Xunta.

Comentarios