Sábado. 20.04.2024
El tiempo

As Mulleres do Mar de Camariñas e Malpica unen os seus proxectos turísticos

As Mulleres do Mar de Camariñas e Malpica unen os seus proxectos turísticos
MUlleres do Mar da Costa da Morte no Encontro de Candieira Mulleres do Mar da Costa da Morte no Encontro de Candieira en Cambados Foi un día especial, o pasado venres 8 de xuño, para as mulleres do mar de todo o país. Cambados acollía o primeiro encontro de mulleres de Candieira de todo o litoral costeiro. Mulleres da Ría da Arousa, da Ría de Pontevedra e da Costa da Morte achegáronse a esta xornada de carácter técnico marcada pola visita ás instalacións do Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Illa de Arousa) e á Asociación Cultural Guimatur, que dende hai máis dunha década desenvolve unha experiencia de turismo mariñeiro en Cambados. Candieira é un proxecto que botaba a andar o pasado xullo de 2017, e que nacía co obxectivo de ”visibilizar o papel das mulleres dos territorios costeiros, e dinamizar o seu entramado empresarial, asociativo e cultural de cada zona e que sirva de revulsivo”. E precisamente para darlle un impulso aos proxectos de turismo mariñeiro da bisbarra acodiron á cita varias mariscadoras da Confraría de Camariñas e as Redeiras do Fietal de Malpica, demostrando que na Costa da Morte as mulleres do mar son pioneiras en unión”. Aí estiveron as malpicás Ángeles Millé (a presidenta do Fieital), Carmen Villanueva, Pilar Pérez, Pilar García e Verónica Tasende (presidenta da Federación de Redeiras de Galicia); e mais as camariñás Estrella Lema, a presidenta das Mariscadoras; Lola Bermúdez, a patroa maior, Jackie Lista e Lita González. Mariscadoras galegas con Candieira Mariscadoras galegas no encontro de Candieira

Un proxecto COMÚN de visibilización turística

Como nos conta Ángeles Millé, “con Candieira estamos intentando poñer un proxecto en común as redeiras de Malpica coas mariscadoras de Camariñas, para traballar traendo grupos aos dous sitios, coa ilusión de transmitir a cultura mariñeira dos pobos costeiros, ensinar o noso oficio…” Proxectos que xa están en marcha, pois tanto en Camariñas como en Malpica xa fan visitas de grupos ou particulares. “En Malpica xa temos algunha axencia que contacta con trasatlánticos, e é raro que non teñamos algún grupo de ingleses, xaponeses… todos os anos”, explica Ángeles. ”É algo moi bonito, a xente queda moi contenta con estas visitas, ademais sempre vén o alcalde a saudar, e iso sempre gusta. Sorprende tamén ver as cousas que non sabe a xente, cousas que para nós son evidentes, pero é que hai xente que mesmo nos ten dito que nunca escoitaran falar a unha muller do mar”, cóntanos satisfeita de ensinar o seu mundo ao mundo enteiro. De feito, xa están pendentes da visita dunha profesional do sector turístico de Holanda, que vai vir facer unha visita para preparar unha viaxe cun grupo, e “imos utilizar esa experiencia para estrear este proxecto de Candieira conxuntamente coas mulleres de Camariñas”, explica.

Un extra

En todo caso, e se ben está moi satisfeita dos avances en materia turística que se levan dados nos últimos anos, Ángeles recoñece que “o traballo de verdade é todos os días cas redes. Esto é un extra, son temas estacionais e aquí o verán é moi curto. Non imos vivir disto, porque é moi complicado ter visitas todas as semanas. Si que temos bastantes particulares e algún grupo, pero é complicado depender só destas visitas”.

As mulleres de Muros, Fisterra, Noia... (as da Costa Sostible, vaia) teñen cita este venres nunha sesión de Saberes e Sabores. Van aprender a cociñar coas conservas que fixeron hai dúas ou tres semanas no CIFP Coroso de Ribeira. O obradoiro estará dirixido por Miguel Mosteiro, do grupo IN9 Eventos.

Novas relacionadas

https://quepasanacosta.gal/a-muller-e-a-protagonista-dos-novos-programas-formativos-de-candieira/

Máis novas

https://quepasanacosta.gal/de-ruta-coas-mariscadoras-de-camarinas/ https://quepasanacosta.gal/en-galicia-as-mulleres-do-mar-somos-pioneiras-en-unirnos/ https://quepasanacosta.gal/calafateando-redeiras-invisibles-pero-imprescindibles/ Fonte

Comentarios