Venres. 19.04.2024
El tiempo

Cineuropa e Muxía estrean un documental sobre a vida dos percebeiros de Muxía tralo Prestige

Cineuropa e Muxía estrean un documental sobre a vida dos percebeiros de Muxía tralo Prestige
Documental Entre a rocha e o mar

Falabamos cun percebeiro muxián o día do 15º aniversario do afundimento do Prestige. E precisamente sobre a vida deses homes de mar 15 anos despois da traxedia medioambiental trata a película de Manuel Logar «Entre a onda e a rocha». Un documental galego que se estrea en Galicia este venres no Cineuropa, un dos festivais cinematográficos máis importantes do estado. Ademais, o domingo farase unha presentación en Muxía, ás 18:00h no Salón de Actos do Voluntariado.

Son case 90 minutos convivindo cos percebeiros de Muxía durante unhas semanas do outono de 2015, antes da campaña de Nadal. A loita contra a natureza e tamén as loitas internas entre os propios profesionais do mar, deixa un traballo cheo de zonas escuras e moito mar bravo.

Logar, un coruñés de 24 anos, despois de estudar cine na ESCAC de Barcelona, quería aproveitar o proxecto de fin de grao para facer unha representación da loita do home contra a naturza. Así levou a Muxía un equipo de seis persoas, entrevistou a unha decena de percebeiros e a máis xente da localidade. Ía mirar o mar e escoitar á xente. E topouse con cousas inesperadas. “Para empezar, a paisaxe”, di, “para un mozo de cidade ese mar e esa costa ao lado da casa… foi unha sorpresa, foi impresionante”. O seguinte foi que a loita máis dura non se libraba entre o home e o mar, senón entre os homes. “Topámonos con que as principais dificultades do traballo viñan dos problemas, digamos, internos. Que había percebeiros que collían de máis e ao final iso enfadou a moita xente”, explica Manuel.

Muxía converteuse nunha personaxe do documental. E as relacións sociais, nunha metáfora das relacións co medio ambiente. “Todos, en calquera parte, tendemos a xustificarnos da mesma forma: se os demais non fan nada ou fano mal, por que vou facer eu outra cousa?”. O furtivismo, explica Logar, era un problema naqueles días. E tiña que ver cun “cambio de mentalidade” que o cineasta vincula ao Prestige, aos efectos que causaron o obrigado parón no traballo e as subvencións compensatorias na forma de afrontar o futuro. “Cando remataron as axudas públicas, xusto cando empezaba a crise, algúns quixeron manter as ganancias e certo nivel de vida a base de esquilmar os recursos. Pode que aí empezara o problema”, di Logar.

Porén, o autor recoñece que no filme as relacións humanas tecen lazos máis fortes e que o traballo, o perigo do combate no mar contra a natureza, esixe cooperación e unidade. “Na película, os problemas quedan como zonas escuras porque finalmente os percebeiros son un, e acabarán por solucionar os seus problemas porque están afeitos a ser un, sobrevivirán por iso”.

Fotograma_Entre a rocha e o mar de Manuel Logar

Onde vela película

«Entre a onda e a rocha» realizará a súa estrea no CINEUROPA: venres, 17 ás 17:30 horas na Sala NUMAX. E o domingo estará no salón de Actos do Voluntariado ás 18:00h nun pase de balde.

Entre la ola y la roca - Trailer from Manuel Lógar on Vimeo.

 

#15anosdoPrestige

Os voluntarios que cambiaron a Costa

Novas relacionadas

Artigos relacionados co Prestige

Seguemento especial do Xuízo do Prestige

Fonte

Comentarios