Venres. 19.04.2024
El tiempo

O sector implícase na coxestión da Gran Reserva Mariña da Costa da Morte

Mapa aproximado da Gran Reserva Mariña da Costa da Morte, que ocuparía unhas 100.000 hectáreas entre Fisterra e Portosín
O sector implícase na coxestión da Gran Reserva Mariña da Costa da Morte

Parece que xa se pode falar, alto, sobre a Gran Reserva Mariña da Costa da Morte. E cómpre facelo, para convecer a todo o sector da súa importancia. Xa que nestes tempos de baixada dos recursos, e nos os plans da Unión Europea é reducir nun 80% os barcos da flota artesanal, cómpre unirse e traballar responsablemente. “Se non, 8 de 10 barcos teremos que coller a maleta e marchar”, lamenta un patrón da zona.

Esta Gran Reserva colle o relevo da Reserva Mariña dos Miñarzos, un proxecto tan fermoso como polémico. Un proxecto pioneiro en todo o mundo, que nacía con algunhas eivas (como o censo pechado, solventado polo camiño), e que non acabou de cuallar pola falta de apoio tanto dende dentro, como dende arriba. Agora, o sector mírase para dentro, e nota que a única ferramenta que pode servir para saír a flote, é botarlle unha man á administración xestionando mellor os recursos, e así nace esta idea que leva varios anos no forno.

Desta volta, e mirándose no espello dos Miñarzos, o sector está traballando nesta Gran Reserva entre Portosín e Fisterra. Xa é unha zona importante, con máis de 100.000 hectáreas de superficie protexida, o que provoca que xa teña un verdadeiro interese, porque multiplica por 50 a actual Reserva dos Miñarzos, e conta cunha flota moi importante.

A clave desta Gran Reserva será a coxestión, porque o sector terá igualdade de responsabilidade na toma de decisións que as administracións, e non dependería exclusivamente no que decida o goberno de turno. En todo caso, polo que parece hai consenso político total entre todos os grupos, polo que hai parte do camiño andado.

Ben é certo que hai augas de xestión autonómica e augas de xestión estatal, pero xa se fixo unha área de traballo común, estudando embarcación por embarcación, para non perxudicar a ninguén. Xa houbo sesións de votación por todos os posítos implicados, con grande aceptación. Por Muros, por exemplo, un 85% votou a favor da Reserva, pero houbo dúas confrarías que se manifestaron en contra: Portosín, pola gran presencia do cerco (que quedaría fóra da reserva), e Corcubión, unha posición estrana despois de abandeirar a loita contra o arrastre.

Os recursos van a menos

A realidade é que os recursos van a menos, e os barcos o notan. E os que hai (xarda, xurelo, merluza…), non o deixan pescar, porque ademais dos famosos TACS, antes de entrar na nosa costa xa foron pescados no Cantábrico. Por iso a xestión responsable antóllase fundamental.

Hai que colocar ben as vedas, sinalan dende o sector, poñendo o exemplo de como se están perdendo cartos nos últimos anos cas centolas, pois se abre a veda demasiado pronto, véndese moi barata, e despois, cando chega a época do Nadal e suben os prezos, xa non hai produto.

Deste xeito, na Gran Reserva quedarían fóra flotas agresivas como o cerco ou o arrastre, pero tamén sería fundamental o respecto polas vedas, polas cotas, polos topes… o control do furtivismo e demais problemas intrínsecos que foron, durante moitos anos, parte do cancro do mar.

Novas relacionadas

Máis novas sobre Lira

Fonte

Comentarios