Xoves. 24.09.2020
El tiempo

Os vertidos enrarecen o clima social do Pindo

Os vertidos enrarecen o clima social do Pindo
Vertido no Pindo do 1 de abril A última vertedura grave no Pindo do 1 de abril Mentres, Augas de Galicia, o maior culpable de todo o problema, parece vai esquivando as responsabilidades, o ambiente no Pindo está cada vez máis crispado. Os veciños continúan cada vez máis cansados dos eternos vertidos que enchen de “merda” o regato da praza e da propia praia a través do Río do Lugar (ou Fonte de Mateo). O último chispazo saltou o pasado 1 de abril, cando un novo vertido, que puido ter sido pintura, deixaba branco o regato que verte directamente na praia. Os veciños volvían denunciar as redes sociais o suceso, fartos de aturar os cheiros que provoca esta falta de saneamento. Pola súa parte, o alcalde Moncho Noceda, que hai unhas semanas tiña que declarar na Garda Civil de Muros pola denuncia presentada polos veciños ao Seprona hai uns meses, pediu un informe á empresa Espina & Delfín, onde se recoñece que “hai vertidos por parte do Concello, xa que está roto o saneamento, pero onde tamén se ratifica que hai vertidos por parte de veciños que non están conectados ao longo do río”, explica o alcalde. O alcalde asume as responsabilidades do Concello pero reparte así parte das mesmas a certos veciños que están vertendo ao río augas sucias domésticas. “Cada un ten a súa responsabilidade”, sinala o alcale. “Nós sabemos que temos que facer saneamento, pero alí onde non hai, os veciños teñen a súa responsabilidade”. Por iso vén de enviar unha carta aos veciños da zona na que asegura que “O Concello vai proceder a eliminar eses vertidos de augas sucias domésticas, taponando na rede, se non teñen permisos de Augas”, taponando esas saídas. ”Pero onde quere que nos conectemos se non hai rede de saneamento?”, pregúntanse os veciños. “Se ese saneamento non existe as casas teñen que ter unha fosa séptica”, asegura o alcalde, que recoñece que ten pensado un proxecto para poñer a rede precisamente nese treito.

O eterno retraso da entrega do colector

Segundo nos conta, o alcalde Moncho Noceda falou a semana pasada co responsable da obra, que lle trasladou que durante a primeira quincena de abril a empresa López Cao vai facer entrega da obra a Augas de Galicia (despois de ilo anunciando para outubro, novembro, xaneiro…). A partir de aí, Augas terá que entregalo ao Concello, que terá que facer as súas comprobacións, e terá que conectala con 6 novos tramos de saneamento. “Para o verán debería estar funcionando, se estes apuran, claro”, sinala Noceda. Un Noceda que quere deixar claro que “eu lamento moito as molestias que se lle están causando aos veciños, pero cando hai a Xustiza polo medio creo que hai que facer as cousas”. Mentres, a merda de 500 casas do Pindo seguirá saíndo embaixo, no río do Lugar, embaixo da praza da Solaina, e directamente a unha das praias máis fermosas da zona.

Novas relacionadas

Outras novas

Fonte

comentarios