Venres. 29.03.2024
El tiempo

Unha mesa de especialistas para reflexionar eticamente sobre a Contaminación orgánica do mar

Unha mesa de especialistas para reflexionar eticamente sobre a Contaminación orgánica do mar
Vertidos directos das casas hai uns anos na ria de Corcubion Imaxe de hai uns anos dos vertidos que sufría a ría de Corcubión directamente das casas Volve facernos pensar en clave medioambiental a infatigable asociación Mar de Fábula. A entidade continúa coa comprometida liña do I Encontro do Lixo Mariño, que culminou coa sinatura por parte de diferentes colectivos do mundo do mar da Declaración do Couto. Volve ao Couto (Ponteceso), á Fundación Eduardo Pondal, para realizar unha nova Mesa de Debate, desta volta, sobre un dos temas máis silenciados do noso mar: a contaminación orgánica. A mesa, moderada por Ubaldo Cerqueiro de Quepasanacosta, realizarase o sábado 27 de xaneiro ás 17:00 horas, baixo o título “Ética e contaminación orgánica do mar”. Nela participarán especialistas como Manuel Soto (Catedrático Química Orgánica. Universidade da Coruña), Marcos Tostado (Técnico Augas de Corcubión), José Molares (Subdirector do Intecmar, Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia), e Mariví Areas (representante de Mar de Fábula e Licenciada en Ciencias Químicas). O acto será aberto ao público e enviará invitación expresa a expertos en temática ambiental e sectores profesionais, para que poidan expresar as súas opinións.

Obxectivos

Como explica Xosé Manuel Barros, alma da entidade organizadora, o obxectivo desta reunión é poñer enriba da mesa unha das agresións máis aberrantes que sofre o mar dende o punto de vista ético e medio ambiental : Os verquidos de augas residuais sen tratar ou deficientemente tratadas, tanto desde terra coma desde os barcos. Na altura do tempo no que vivimos, cando existen os recursos técnicos e lexislativos para a súa prevención e control, a contaminación orgánica do mar é un crime contra a natureza e contra nós mesmos. Estamos a someter o medio mariño a un proceso de degradación infame, resultado dunha cultura de masas basada no distracción permanente, na compra e no consumo, que fomenta o individualismo e deixa de lado a limpeza e conservación dos espazos comúns, daquelo que é de todos nós. Focalizando o problema da contaminación orgánica do mar a nivel galego, no amplio anaco das augas que bañan o litoral de Galicia, a ameaza ven materializada desde dúas fontes de contaminación que corren paralelas: - Por unha banda, os verquidos de augas residuais sen tratar ou deficientemente tratadas procedentes das concentracións urbanas na costa atlántica. - E por outra, o Corredor Marítimos de Fisterra, faixa mariña que discurre a 21,7 millas de nós e polo que navegan máis de 40.000 buques ao ano, entre eles centos de buques cruceiros con milleiros de turistas a bordo. De acordo coa lexislación marítima internacional, todos estos buques poden descargar legalmente no mar as súas augas residuais, sen depurar, máis aló das 12 millas da costa. Trataremos pois de respostar a preguntas coma estas:
  • Cómo afectan estos contínuos aportes de materia orgánica á saúde das augas costeiras de Galicia?
  • Coas repetidas prohibicións de baño nas praias cada verán, qué riscos teñen para a saúde humana?
  • Non terán algo que ver estos excesos de nutrientes co fenómeno da eutrofización das augas costeiras e a proliferación de algas mariñas?
  • Partindo de que as mareas vemellas teñen unha orixe natural, non terán influencia na súa aparición, cada vez máis frecuente, nas nosas rías?
  • É que hai hoxe en día algún proceso natural que non sofra a influencia humana?
  • Se fixéramos por contaminar menos, por atallar os problemas na súa orixe, coa vontade política e cos medios técnicos que hoxe en día existen, non melloraría o rendemento das explotacións marisqueiras?
 

Novas relacionadas

Outros artigos de Xosé Manuel Barro

Novas de Mar de Fábula

Novas relacionadas Fonte

Comentarios