Sábado. 11.07.2020
El tiempo

15.000 persoas saen á rúa polo sector lácteo mentres o Ministerio apraza o acordo

15.000 persoas saen á rúa polo sector lácteo mentres o Ministerio apraza o acordo
Mazaricos volveu abandeirar a manifestacion por Compostela Mazaricos volveu abandeirar a manifestacion por Compostela Máis de 12.000 persoas en Santiago de Compostela, e outras 3.000 en Lugo. As manifestacións en apoio ao sector lácteo dan conta da importancia do sector en Galicia. Gandeiros de todo o país achegáronse, cos seus tractores e mesmo as suas vacas (4 novillas encabezaban a manifestación facendo alusión ao futuro) para esixirlle á Xunta e ao Goberno Central un acordo real coa industria e os distribuidores, que garanta uns prezos mínimos que cubran os custos de produción. E a Costa da Morte estivo moi presente. Se moitos notaron que Santa Comba estaba baleira estes días, por Mazaricos non quedou un can. Dous autobuses cheos de veciños e moitos vehículos particulares achegáronse ata a capital galega. O alcalde, Juan José Blanco, valoraba que pode que fosen uns 400 mazaricáns os que se achegasen á manifestación, entre eles moitos dos que levan deixando os seus tractores toda a semana. Tamén estivo presente o alcalde de Vimianzo, Manuel Antelo, co concelleiro de Policía Local, Protección Civil e Medio Ambiente, Anselmo Ramos, representando ás máis de 100 explotacións gandeiras vimiancesas dedicadas á produción de leite e contan cun número aproximado de 5000 vacas. A mocidade de Mazaricos moi presente en Santiago   Manifestacion do sector gandeiro en Compostela Foi boa tamén a resposta da veciñanza compostelá, que aplaudiron e apoiaron as mobilizacións a pesar das incomodidades que producen. Aquí vos deixamos cun vídeo de Carmen Rey:

Que pasa co acordo?

Hoxe, 10 de setembro, era día clave, pois en Madrid, o Ministerio de Agricultura e Medio Ambiente mantiña unha reunión fundamental para alcanzar un acordo. Finalmente parece que todas as entidades, excepto a Coordinadora de Organizacines de Agricultores y Ganaderos (COAG), chegaron a un “acordo maioritario” que, en todo caso, se asinará máis adiante. Si que anunciaron que a UE desbloqueou unha axuda puntual de 500 millóns, pero parece que non se chegou a un acordo a longo prazo. O convenio ten que garantir tres aspectos básicos: “unha recuperación do prezo do leite, mecanismos legais e sancións que obriguen a industria e distribución a cumprilo e que a recuperación do prezo do leite sexa efectiva en Galicia a partir do 1 de outubro”, seguindo a Plataforma. Por exemplo a COAG xa pediu que “a distribución derive marxes comerciais aos gandeiros, para recuperar as marxes de rendibilidade, como moi tarde moi tarde en outubro ou novembro”.

Máis loita

Asemblea nocturna dos Gandeiros Así, despois de estudar o acordo, realizouse unha asemblea nocturna, e dado que só se aprobou un borrador sen un prezo mínimo do leite e sen datas concretas para a súa posta en marcha, decidiuse mobilizar os tractores e bloquear as industrias en toda Galicia. Hoxe coñecerase a organización dos tractores por comarcas. ‪ O lema da cabeceira foi “Nin un paso atrás na defensa dos [email protected] [email protected]. Polo que entendemos que esta noite aínda seguirán os tractores na capital galega e veremos que acontece durante a fin de semana. Os tractores seguiran esta noite en Compostela

Un modo de vida

Facemos nosas as verbas da OPL-Organización de Productores de Leche sobre estas datas importantes: A loita dos gandeiros vai máis aló da defensa dun sector estratéxico e ten moito que ver tamén coa defensa da nosa identidade e polo tanto do noso futuro. Porque se o campo esmorece con el esmorecemos todos. Os gandeiros e gandeiras galegos levamos soportando lustros de chantaxe, ameazas veladas e prezos tirados polo chan, somos preto de 10.000 as familias que co noso traballo favorecemos que se creen preto de 100.000 empregos. Non hai en ningunha rexión europea caso semellante nin exemplo de resistencia parecido. Levamos anos escoitando aos responsables políticos dicir que Galicia está en risco de sufrir un colapso demográfico porque os novos marchamos das aldeas para facer a vida nas vilas ou nas capitais de provincia. Non hai en moitos casos e moitas casas posibilidade de seguir adiante coas explotacións. Que mellor medida para fixar poboación no interior que a xente poida vivir do seu traballo? Defender os nosos gandeiros, as nosas vacas, é tamén fixar poboación.

Que leite merco para axudar aos gandeiros galegos?

Preguntabamonos onte: Que podemos facer como consumidores para axudar ao sector leiteiro?. Nesa liña, a Unión de Consumidores de Galicia envía hoxe unha nota coa intención de implicar aos consumidores nesta e en calquera outra guerra na que nós teñamos a chave. Entre as poucas ferramentas coas que actualmente conta o consumidor para adoptar a súa decisión de compra en relación cos produtos lácteos atopamos os selos “Galega 100%” e “PLS”. Pero para Unión de Consumidores de Galicia ningún dos dous serve para dar cumprida resposta ás reivindicacións dos nosos produtores. Leite Río, unha das grandes explotadoras do sector galego, conta con ese selo, por exemplo. Día, Lactalis e Carrefour tampouco quixeron asinar o primeiro acordo, polo que tampouco serían marcas axeitadas para mercar o leite xusto. Así as cousas, segundo nos contan os compañeiros de Galicia Confidencialas marcas que cumpren os tres criterios citados (prezo superior a 0,61 euros; orixe galego certificado coa marca “Galega 100%” e non ser dun grupo, como leite Río, enfrontado aos gandeiros -Río chegou a deixar de recoller o produto a varias granxas no inicio da crisis-) son, en orde de preferencia segundo a OCU: Feiraco (o leite UHT de Feiraco, Feiraco Unicla e Feiraco Hostelaría) e Larsa (o leite UHT e os iogures).

Novas relacionadas

Fonte

comentarios