Mércores. 24.04.2024
El tiempo

Ana Miranda en Mazaricos: “O sector agrogandeiro é indispensable para fixar poboación no rural”

Ana Miranda en Mazaricos con Juan BLANCO
Ana Miranda en Mazaricos con Juan Blanco
Ana Miranda en Mazaricos: “O sector agrogandeiro é indispensable para fixar poboación no rural”

Destacada a presenza da eurodeputada do BNG na Semana Gandeira de Mazaricos. Ana Miranda, moi vinculada en todos estes anos no Parlamento Europeo coa loita do sector primario galego, disfrutou do impacto do sector gandeiro na sociedade rural das Terras do Xallas, comprobando a importante función para o asentamento de poboación no rural.

“Fortalecer o sector agrogandeiro galego é indispensable para fixar poboación no rural e garantir o seu desenvolvemento económico”, sinalou tras manter unha reunión co alcalde, tamén do BNG, Juan Blanco. Miranda felicitouno polo “traballo que desenvolve na defensa dos sectores produtivos, entre os que destaca o sector leiteiro”.

“Se non queremos que se siga producindo o despoboamento do rural é preciso aplicar políticas de apoio aos pequenos gandeiros, ás pequenas producións agrogandeiras, para que non se vexan obrigadas a abandoar a súa terra”, salientou a eurodeputada do Bloque, quen criticou que a causa das políticas desenvolvidas polo PP desde 2008 perdéronse en Galiza 1.046 explotacións lácteas, ao pasar das 13.182 explotacións que había en Galiza no ano 2008 ás 6.400 que hai aproximadamente na actualidade.

Así e todo, Mazaricos segue a ser unha superopotencia na materia, sendo un dos municipios galegos con maior produción neste sector, con 177 explotacións leiteiras e produce 100.000 litros de leite diarios con destino á industria dos produtos lácteos. “Non podemos permitir que as políticas do PP impidan este pulo económico”, sinalou Ana Miranda ao respecto, quen ademais criticou que desde 2009 Galiza perdeu 50.000 hectáreas de superficie agraria útil.

Miranda fixo referencia tamén ao impacto da Política Agraria Común (PAC) en Galicia, lamentando que “non beneficia a pequenos e medianos produtores “como debería”, xa que gran parte dos fondos da PAC se destinan ás grandes explotacións que fai que sexa unha distribución de fondos que perpetúa as desigualdades e os desequilibrios”. Neste sentido reiterou “o compromiso do BNG para que a PAC sexa máis xusta e serva realmente para facer unha distribución dos fondos máis xusta e garantir uns ingresos dignos para os agricultores nun momento tan complicado pola suba de prezos dos carburantes".

Novas relacionadas

Comentarios