Venres. 19.04.2024
El tiempo

Carballo e Mazaricos súmanse á campaña dos Youtubeir@s para promocionar o uso do galego na rede

Carballo e Mazaricos súmanse á campaña dos Youtubeir@s para promocionar o uso do galego na rede
Co obxectivo de encher a rede de vídeos en galego, os concellos de Carballo e de Mazaricos uníronse á campaña de Youtubeir@s posta en marcha polos servizos de normalización lingüístcia - SNL - destes municipios xuntos cos da Baña, A Coruña, Ames, Ourense, Pontevedra, Ribadeo, Santiago de Compostela, Teo e O Grovex xunto coas universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo. Youtubeir@s ten a vontade de incrementar o uso do galego nos contidos audiovisuais dunha das redes sociais máis empregadas no mundo e tamén quere incitar e facilitar que todas as persoas compartan as súas habilidades e criterios con vídeos autoproducidos. Hoxe en día, YouTube é a segunda rede social máis empregada, despois de Facebook, superando os mil millóns de usuarias e usuarios que descobren, visualizan e comparten vídeos. Unha iniciativa similar púxeronna en marcha o ano pasado os alumnos do CEIP Eugenio López de Cee. A vicerreitora de Servizos Universitarios do Campus de Lugo, Carme Silva maila coordinadora de Youtubeir@s, Mónica Fernández Valencia presentaron esta mañá o programa de dinamización lingüística. Xunto con elas interviron tamén a concelleira de Normalización Lingüística de Teo, María Pilar Pérez Faxil, e mais o concelleiro de Normalización Lingüística de Pontevedra, Alberto Oubiña, que falaron desta iniciativa que atende ás novas tendencias sociais na comunicación actual no que fai, sobre todo, ao papel activo dos e das youtubeir@s na rede. Ademais, tamén asistiron representantes dos diversos concellos, entre os que estaba o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero. presentacion-youtubeiros Presentación da campaña Youtubeir@s coa presenza dos alcaldes de Carballo e de Mazaricos Como participar O concurso Youtubeir@s vai dar comezo o vindeiro 1 de decembro e o prazo de presentación de vídeos hase prolongar ata o 28 de abril. Segundo se recolle nas bases - dispoñibles na web do concurso - poderán presentarse todas as persoas maiores de 14 anos a través dunha inscrición en liña. Os vídeos deben ter unha duración máxima de 5 minutos, estar licenciados en creative commons, producidos en galego e estar dispoñibles na rede social YouTube. Os e as participantes poderán concorrer a dúas categorías: Video-facermos, para videotitoriais que amosen como facer cousas (unha receita, a instalación dun programa informático, un punto de calceta, como facer cestos ou licor café, un peiteado, unha tatuaxe, etc.); e Vídeo- opinarmos, para vídeos nos que se achegue unha opinión ou valoración sobre calquera tema (valoración dun filme ou videoxogo, opinión sobre un tema de actualidade, crítica dun libro, deporte, moda, etc.). Premios Cada unha destas categorías vai ser premiada cunha contía de mil euros e tamén se asignarán catro mencións honoríficas de cincocentos euros segundo os criterios de valoración que terá en conta o xurado, composto por profesionais da comunicación audiovisual. O programa Youtubeir@s ofrece tamén obradoiros formativos que se desenvolverán nos concellos participantes. Con estas accións formativas, que se han desenvolver de maneira parella ao concurso, procurarase achegar o proceso creativo a calquera persoa que poida estar interesada e facer accesible o uso das redes socias e da linguaxe audiovisual para a transmisión de saberes e opinións. O obxectivo xeral do proxecto é que haxa máis vídeos con titoriais ou opinións en galego na rede, incentivando, por un lado, a quen xa fai este tipo de vídeos a que use a nosa lingua e, polo outro, a quen ten saberes, destrezas ou opinións que poden ser de interese, a que as converta en vídeos. Novas relacionadas Fonte

Comentarios