Xoves. 28.03.2024
El tiempo

O comercio de Mazaricos está que Namora

Namorate do comercio de Mazaricos
O comercio de Mazaricos está que Namora

O Concello de Mazaricos organiza por segundo ano consecutivo, en colaboración cos comercios do municipio, a campaña ‘Namórate de Mazaricos’. Esta iniciativa, centrada nas semanas previas ao 14 de febreiro, Día dos Namorados, sorteará premios entre as persoas que merquen no comercio local ata 12 de febreiro, cando se celebrará un sorteo online onde se coñecerán as gañadoras e gañadores.

Para Juan Blanco, alcalde de Mazaricos, este ‘Namórate de Mazaricos’ é “unha iniciativa de apoio ao comercio local, ao de proximidade, ao que xera riqueza aquí e fai comunidade”. Para o rexedor, son os negocios da localidade os que seguen a dar servizo á veciñanza durante os duros tempos que estamos a atravesar. “Temos que comprender que cada euro gastado no comercio local xera un retorno positivo no noso municipio, dinamiza a nosa economía e multiplica a nosa capacidade de resposta a situacións coma esta pandemia”, salienta Blanco.

O concurso repartirá dous premios de 125 euros para que a veciñanza gañadora os gaste nos comercios adheridos á promoción, e dúas comidas por un valor de 60 euros cada unha en calquera restaurante do municipio. Tamén se sortearán 61 vales por un valor de 10 euros cada un. As rifas entregaranse por compras nos locais adheridos.

Na tarde do venres 29, a tenente de alcalde, Beatriz Alvite Novío, e mais o concelleiro de Promoción Económica, Jorge Sanmartín Rial, acudirán aos diversos comercios adheridos á campaña para facerlles entrega das rifas para os concursos e dos carteis que os distinguen como participantes.

Comentarios