Domingo. 16.06.2019
El tiempo

Dos toxos que visten de ouro os nosos montes e da súa importancia na agricultura tradicional

Dos toxos que visten de ouro os nosos montes e da súa importancia na agricultura tradicional
Paisaxe do lugar de Arcos Mazaricos cheo de toxo Paisaxe do lugar de Arcos (Mazaricos), cuberto de amarelo toxo

“¡Nin rosiñas brancas, nin claveles roxos! Eu venero as froliñas dos toxos.”

Antonio Noriega Varela

Cando a declinante primavera sinte minguados os seus folgos, os esgrevios toxos que coroan os montes da nosa terra cunha tona de intensa e uniforme verdura, espreguizan a monotonía do seu manto e estoupan cun fulgor dourado que transforma as valgadas montesías nun vibrante xogo de amarelos, anunciando as glorias luminosas e festivas das dilatadas e calorentas xornadas estivais.

Non faltará quen diga que estas introdutorias e pretensiosas palabras sobre o remate da primavera e a explosión de cor ranquean por tódolos lados. E non lle faltará razón a quen así dixera porque nas pendentes das nosas montañas conviven tres variedades de toxo que florecen en diferentes épocas do ano. O toxo arnal, a especie máis estendida, florece entre maio e xuño; o toxo femia faino no medio do verán; e o ghateño reserva as súas mellores galas para o outono.

Mais se observamos a fotografía que provoca os meus comentarios: rodeando os balados e as acolleitas dos predios dos primeiros planos, podemos ver as xestas cubertas de “chorumas”; proba evidente de que a imaxe foi tomada na primavera ou a principios do verán, que é cando esta especie se engalana, competindo cos toxos arnais, con esta potente e chispeante floración. Así que todos contentos.

Máis alá destas estornelas, o toxo foi unha produción fundamental no sistema agrario galego ata hai ben pouco tempo. Os viaxeiros e curiosos que percorreron o noso País, xa dende o século XVIII, despois dunha mirada superficial e apresurada, estrañábanse da pouca terra cultivada e das inmensas extensións a monte, considerándoas abandonadas, ermas . Non eran conscientes de que a alta produtividade dos espazos cultivados, con dúas ou tres colleitas anuais, dependía directamente da amplitude das terras dedicadas a monte, onde o toxo era o protagonista absoluto.

Os toxos mesturados cos excrementos do gando convertíanse no esterco co que se repuñan os nutrientes que as terras labradías ían perdendo no proceso produtivo. Pero antes desta última encomenda había que apañalos, cargalos no carro, carrexalos, e despois de amontoalos, utilizábanse segundo fixeran falta no estrado das cortes, e dicir, formando a cama sobre a que se deitaban os animais da explotación. Alí, como referíamos anteriormente, despois de ser macerados polas deposicións do gando, eran retirados periodicamente e amoreados novamente ata que se precisaran para fertilizar este ou aquel cultivo.

Para que toda esta actividade fora posible, os espazos montesíos tiñan que ser amplos, pois dende que se apañaba había que esperar máis dun ano para realizar unha nova corta. A demande de toxo, mato, batume ou balumada, que das catro maneiras é denominado entre nós, era constante. Non só se estendía polas cortes, tamén se botaba nas cañeiras e nos curros, aínda que nestes dous últimos casos, o esterco resultante era de escasa calidade. Por estas latitudes non se estilaba, pero noutros lugares tamén acostumaban fertilizar a terra co toxo en verde directamente.

Pero aquí non rematan os usos deste arbusto que pode chegar aos tres metros de altura. Precisamente nalgunhas parcelas deixábanse medrar para utilizalos como combustible para alimentar o lume do lar. Na casa na que eu nacín, os exemplares máis longos e grosos eran amontoados ao resgardo da chuvia coa finalidade de quentar o forno para a cocedura semanal, primeiro de boroa, e a partir dos últimos anos sesenta do século pasado, de pan de trigo.Toxo

A cita deste cereal lémbranos outro dos usos fundamentais do monte e do toxo na agricultura tradicional, referímonos ao cultivo do trigo das estivadas. Para o Pai Sarmiento esta denominación tiña a súa orixe en “aestiva”, termo latino que fai referencia ao verán, época na que se realizan unha boa parte dos traballos que seguidamente referiremos.

Esta actividade tivo grande importancia dentro das economías labregas ata que, durante os anos sesenta da anterior centuria, foron incautados polo estado os montes en man común, espazos nos que maioritariamente se desenvolvía este cultivo. Os veciños reuníanse tódolos anos para decidir que anaco destes montes abertos pertencentes a toda a comunidade, se traballaba. Tiña que ser unha extensión considerable para que a cada casa lle correspondera unha parcela de certa consideración. Durante o outono e o inverno cavábana, deixando a secar estendidos pola leira os terróns e o mato que puideran ter. Cando chegaba agosto por tódolos horizontes montesíos erguíanse incontables columnas de fume, semellando rituais antigos, ofrendas votivas dirixidas algunha deidade descoñecida na procura de protección e de fortuna para a veciñanza. Se o día escollido para esta cerimonia fora unha desas xornadas tan propias do verán nas que non corre nin un babuxo de aire, as fumareas, preguizosamente, ascenderían sen desviar a súa verticalidade ata confundirse co limpo ceo do estío. Pola contra, se fixera acto de presenza un vento maino, o fume deixaríase ir formando liñas envolventes de traxectoria inestable. Mais se soprara forte, os ronseis avanzarían con decisión ata onde os levara a ventada, desaparecendo do horizonte apresuradamente a súa nítida vision.

Pero non nos deixemos arrastrar polo espírito poético, que en verdade posuía a escena. Todo isto tiña unha orixe máis prosaica: no citado mes, amoreaban aquí e acolá os restos da cavadura e púñanlles lume. Un lume lento con pouca laparada e moito fume. A tilla resultante estendíana por toda a parcela. Este aporte nutricional engadido aos máis de dez anos que levaba o predio en barbeito producindo unicamente batume, sería suficiente para que, despois de ser labrado e sementado entre finais de setembro e os primeiros días de outubro, lograra para o seguinte verán unha boa colleita de trigo.

Recollido o cereal, podían facer unha nova sementeira, agora de centeo, para seguidamente botarlle toxo e deixala unha década longa producindo unicamente ese cultivo.

Esta operación repetíase tódolos anos, escollendo un novo anaco de monte que cumprira as condicións de descanso requiridas para que os resultados foran positivos.

O monte tamén apacentaba a facenda doméstica: vacas, eguas e ovellas. Todas atopaban alí parte da súa mantenza en diferentes tempadas do ano. A maiores, algúns veciños podían posuír gando bravo: vacas, bestas e cabras; que tiñan o seu hábitat natural nos montes da comarca. Na costa da Morte contamos con documentación, xa dende o século XV, relativa aos Mariño de Lobeira que tiñan dereitos señoriais na Ruña e no Pedregal do Pindo. Espazos polos que cobraban dereitos de “herbaje” aos propietarios que apacentaran alí os seus gandos. Esta mesma fonte infórmanos de que o Conde de Altamira facía outro tanto nos montes de Olveira e Olveiroa. Por Xosé María Lema Suárez e Roberto Mouzo Lavandeira (O CASTELO DE VIMIANZO E OS MOSCOSO DE ALTAMIRA) sabemos que este mesmo conde ampliaba esta actividade aos seus estados de Vimianzo, organizando curros  para marcar e cobrar os mencionados dereitos nos lugares de Camelle e Santa Cristina de Berdoias. A partir de 1833 coa abolición destes privilexios señoriais, o acceso do gando bravo a estes e outros montes da bisbarra liberouse das aludidas cargas impositivas. No monte de Muros e da Ruña aínda se mantén estas costumes na actualidade, aínda que da diversificación do pasado só queda o gando cabalar.       

E xa para rematar cos usos do toxo, os brotes máis tenros, despois de ser picados, eran o bocado preferido pola besta ou bestas que houbera na casa.

Pero deixemos os recordos de tempos que non volverán a pesar da tan necesaria agricultura ecolóxica, moitas veces aludida pero moi pouco practicada, e retornemos á soberbia perspectiva montesía que ilustra este artigo. Coma unha inmensa coroa, abraza e abriga o minúsculo lugar do Furiño (Arcos – Mazaricos) que, facendo gala ao seu nome, atópase aghatumado no estreito val que lle dá acubillo. O profundo curso do Xallas recolle as augas corredizas das ladeiras que o circundan; e alá no fondo, sinalando a liña do horizonte, atopamos os montes de Colúns cun pequeno treito da devesa de Anllares, os de Corzón, Buxantes, Olveiroa, Olveira, Dumbría,… engalanados polas “chorumas” douradas dos toxos.

As fotos, a panorámica varias veces aludida e outra de detalle, igual que noutras moitas ocasións, son de Xosé Ramón Esperante Otero.

E para poñerlle o cadullo a esta angueira, déixovos unha cantarea moi popular noutros tempos:

“A raíz do toxo verde é moi mala de arrincar. Os amoriños primeiros son moi malos de olvidar”

Popular

  • Suso Jurjo, técnico de Cultura do Concello de Mazaricos.
 

Outras reportaxes mazaricás de Suso Jurjo

Novas relacionadas

Fonte

  • Redacción de QPC.

Comentarios