domingo. 01.12.2024
El tiempo

Manu Arcos, o fenómeno en Tik Tok de Mazaricos

Manu Arcos, estrella do TikTok
Manu Arcos, estrela do TikTok
Manu Arcos, o fenómeno en Tik Tok de Mazaricos

Moitos novos coñecen a Manu Arcos, un rapaz que comezou facendo vídeos bailando para a aplicación Tik Tok (rede social moi popular entre a xuventude que consiste en crear e compartir vídeos curtos, principalmente bailando) e que en moi pouco tempo se converteu en todo un fenómeno na internet. Quizáis sexa máis descoñecido para un público maior, pero Arcos, con tan só 17 anos, reúne máis de 280 mil seguidores só nesta plataforma.

Posteriormente abriu unha canle de Youtube na que chegou a conseguir ata 65 mil suscriptores, á que ademais, ten enlazadas o resto das súas redes, o que fixo que máis xente puidese coñecelo. O que moi poucos saben é que este mozo é un veciño da comarca da Costa da Morte, concretamente da Picota, en Mazaricos. 

Nunha conversa que tivo QPC con Manu Arcos, o rapaz recoñece que foi todo un shock o fenómeno que se creou a raíz dos seu vídeos. “Eu estaba acostumado a que me viran catro persoas, e que che mire moita xente impáctache de primeiras”, afirma Arcos, quen a pesares disto, soubo levalo da mellor maneira. Na casa tamén foi toda unha sorpresa: “Ao principio non o crían. Cando me paran pola calle para sacar fotos, chócalles, pero xa se acostumaron”, explica o mozo.

A homosexualidade e o bullying

Nas súas redes pódese ver que Manu é un rapaz moi extrovertido, cunha forma de ser moi peculiar e, sen dúbida, cunha gran autoestima. Con todo, detrás desta imaxe está un rapaz que non o tivo nada fácil tan só polo simple feito de ser homosexual e que tivo que sortear numerosas pedras polo camiño.

Por sorte, a familia non foi unha delas. “Sempre tiven unha familia que me entendeu e que me deu a oportunidade de poder ser feliz”, afirma o propio Arcos. Aínda así, a pesares da aceptación familiar, o mazaricán estivo moito tempo negando a realidade: “Chegou unha idade na que me preguntaban e eu sempre dicía que non, ata que houbo un momento no que necesitaba soltalo pola miña saúde, porque non aguantaba máis estando encerrado”, explica Arcos.

 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 

Una publicación compartida de @maanuarcos el

Porén, a pesares de que a estas alturas a orientación sexual dunha persoa non debería ser obxecto de bullying, a vida no colexio non foi da mesma maneira. O mazaricán afirma que a etapa no colexio da Picota non foi mala, mais non pode dicir o mesmo do curso de 2º da ESO no que a súa familia se mudou a Santiago de Compostela. “Che obrigan a estar os chicos cos chicos e as chicas coas chicas e punto. Eu sempre andaba coas chicas e, queiras ou non, sempre había comentarios”, conta Arcos sobre o ano que cursou na capital galega.

Desgraciadamente o bullying non foi só unha cousa dun ano. “Eu estiven vivindo tamén na Coruña dende Infantil ata 3º de Primaria, e aí si que houbo bullying e peor que o de Santiago”, afirma o mazaricán. Así e todo, Arcos explica que o feito de saír do armario e contarllo á xente foi toda unha liberación: “Agora estou vivindo eu á miña forma sen darlle explicacións a ninguén. Foi o mellor que puiden facer”, asegura.

Afrontando as críticas

Foi neste momento, gracias a esta liberación, no que Arcos por fin se mostrou ao mundo como realmente é. “Dende pequeno gustábame poñer tacóns pero eu vestía ‘coma un rapaz’ porque tiña moitísimo medo”, explica o mozo. Agora, coas súas longas e ornamentadas uñas, cos seus grandes aros nas orellas, os seus ollos pintados, e a súa gran forma de ser, este rapaz de mazaricos conquista a miles de seguidores.

Arcos sabe ben que non ten unha aparencia que pase especialmente desapercibida. “Cando vou pola rúa míranme moitísimo e é algo totalmente normal porque eu se estivera na súa situación tamén miraría inconscientemente, porque chama moitísimo a atención”, explica. Aínda así, isto tampouco debería ser un tema que suscite controversia, mais no seu día a día o segue a ser.

manu arcos

“Un día nun bar escoitei: ti non deberías estar vestido así. Son cousas que te chocan e che fan sentir mal”, explica Arcos, mais “tampouco teño que cambiar a miña forma de ser porque haxa xente que non teña a mente aberta”. Actitudes que nunca levaría a cabo o mozo mazaricán, xa que, como argumenta, “se a xente que me critica se vistise coma min eu nunca lle diría nada porque non son ninguén para dicir”.

Avanzamos?

Situacións coma estas fan reflexionar sobre a realidade na que se encontra a nosa sociedade. A diario vemos nos medios a loita que se fai pola igualdade, polos dereitos LGTBI e en contra do bullying e aínda así este tipo de acoso segue a ser o prato de cada día de moitos mozos e mozas que tan só queren ser libres amosándose tal e como queren ser.

O problema moitas veces radica na propia educación. Segundo comenta Arcos, “se os pais inculcaran dende o berce que non pasa nada se un chico está con un chico e se unha chica está con unha chica, eu penso que a xente abriría a mente”.

É difícil encontrar unha solución clara a isto. Son visibles os avances que se fixeron neste terreo, ás veces na educación que lle dan os pais aos seus fillos, outras dende as aulas gracias a profesores que amosan a diversidade sexual e de xénero, ou con figuras públicas como Manu Arcos, referentes moi necesarios na actualidade que ensinan á xente que non hai por que ter medo a ser como un realmente é. Pero tamén queda claro que, aínda que xa demos uns pequenos pasos cara adiante, o camiño que nos queda por percorrer segue a ser moi longo.

Comentarios