Venres. 29.03.2024
El tiempo

Máximo e Aureliano: os primeiros mazaricáns de nome coñecido

Máximo e Aureliano: os primeiros mazaricáns de nome coñecido
Aureliano o primeiro nome conecido en Mazaricos

Encantados estamos cos novos artigos de Suso Jurjo, técnico de Cultura do Concello de Mazaricos, sobre a historia municipal. Xa falamos da orixe do nome e da historia da construción da Casa Consistorial. Hoxe imos en clave persoal.

”Máximo e Aureliano: os primeiros mazaricáns de nome coñecido”, por Suso Jurjo

Falar dos primeiros mazaricáns nos séculos segundo e terceiro despois de Cristo, é unha inmensa aberración histórica. Mazaricos, como concello, non iniciou a súa andadura ata o ano 1836, coa instauración da nova división do estado español, impulsada polo estadista liberal Tomás de Burgos. Arredor dos séculos antes mencionados é moi probable que non existira Mazaricos nin como topónimo, nin como entidade de poboación. Para falar con máis propiedade teríamos que referirnos a estes galego romanos como as primeiras persoas de nome coñecido que habitaron as terras que co tempo deron lugar ao Concello de Mazaricos.

Pero que rexistro? Que oficina de empadroamento? Que negociado de estatística? Ou que base de datos tíñamos nos séculos segundo e terceiro para poder certificar, a día de hoxe, o nome e a residencia destes cidadáns? Cando falamos de cidadáns, facémolo con moito coñecemento de causa, pois Máximo e Aureliano tiñan a cidadanía romana, e aínda que estamos certos que por aqueles tempos o Imperio contaba con rexistros de tódolos seus membros, esta inxente información non chegou aos nosos días.

As nosas fontes de información son as estelas de Chacín e Antes. Unha estela é ao que chamaríamos lápida na actualidade. Unha lousa con forma de paralelepípedo posta nunha tumba en lembranza da persoa alí enterrada. A primeira foi atopada no ano 1984 nunha leira de Banzas de Chacín e, polas noticias que temos, está depositada no instituto de Santa Comba. É unha lápida funeraria do século II despois de Cristo, na que sen ningún outro apoio iconográfico, unicamente aparece a inscrición que personaliza a estela e que traducida ao galego viría a dicir: “Aos deuses Manes, Aureliano falecido á idade de 40 anos”. É posible que non estea completa, se así fora, no anaco que lle faltase, seguramente, aparecería algún elemento figurativo.

Moito máis interesante é a estela de San Cosme de Antes. Apareceu no ano 1980 fóra do seu contexto natural, xa que fora utilizada como lumieira nun alpendre da casa reitoral desta parroquia. Ata hai poucos anos estaba depositada na sancristía da igrexa, na actualidade descoñezo o seu paradoiro. Foi datada no século III despois de Cristo. Nesta zona, a un lado e ó outro da ponte de Brandomil, xa se ten atopado máis restos de época romana. Algúns estudosos deste período histórico cren que por aquí pasou a vía “per loca marítima” e o lugar de Brandomil foi identificado como a Mansión Grandimirum.

A peza conta con catro rexistros: no superior aparece unha media lúa sobre tres arcadas. A lúa estaría relacionada con antigos cultos. As arcadas poden asociarse a portas do Hades, unha ponte ou un arco de triunfo. En todo caso elementos que estarían unidos a diferentes ritos de paso ao outro mundo.

No seguinte rexistro aparece a inscrición, que despois de interpretada e traducida ao galego, xa que está escrita en latín, ven a dicir: “Aos Deuses Manes. A Máximo de 53 anos”. Como vemos a persoa falecida chamábase Máximo e tiña 53 anos. Os deuses Manes aos que fai referencia e aos que encomendan a ánima do falecido, eran os espíritos dos antepasados do finado aos que daban culto dentro do fogar.

No terceiro rexistro represéntase o propio falecido. Un home espido e de fronte, coas mans á altura da cintura, os dedos estricados e os pés vistos de perfil. É unha figura moi sumaria , moi inxenua, realizada en relevo plano. O máis rechamante de todo o conxunto son os seus desproporcionados xenitais. Hai autores que, baseándose nesta falla de concordancia entre o tamaño do corpo e o das súas partes pudendas, interpretaron que non eran xenitais senón unha especie de puñal ou espada que o noso home suxeitaba con unha ou coas dúas mans. Esta posibilidade vese desmentida, segundo outros, pola falla absoluta de precedentes da representación de armas nesa posición.

Na fotografía que acompaña esta entrada fixemos unha montaxe con dúas imaxes da estela de San Cosme, unha foto vella e un debuxo, chantadas no chan en posición vertical, como acostumaban facer os romanos.

A estela de San Cosme de Antes pola riqueza de elementos que a compoñen, a singularidade das diferentes representacións e o bo estado de conservación de que goza, a pesares da súa azarosa vida, é nunha peza moi sobranceira do noso patrimonio histórico e cultural. Non estaría demais recuperar as dúas lápidas para o noso patrimonio público, e expolas permanentemente para facilitar o seu coñecemento e a súa valoración por parte dos nosos veciños.

  • Suso Jurjo, técnico de Cultura do Concello de Mazaricos.
 

Outros artigos de Suso Jurjo

Novas relacionadas

Fonte

  • Suso Jurjo para o Concello de Mazaricos.

Comentarios