Xoves. 28.03.2024
El tiempo

Mazaricos organiza unha xornada sobre os coidados a persoas en situación de dependencia ou con necesidades paliativas

Cartel coa programación da xornada.
Cartel coa programación da xornada, que se celebra este sábado.
Mazaricos organiza unha xornada sobre os coidados a persoas en situación de dependencia ou con necesidades paliativas

O Concello de Mazaricos organiza unha xornada de balde e aberta o sábado na Casa da Cultura. Nela trataranse os coidados a persoas en situación de dependencia ou con necesidades paliativas.

Comezará Belén Dosil Neo, enfermeira de atención primaria do Centro de Saúde de Mazaricos, co relatorio “Coidados dirixidos a persoas en situación de Dependencia”. Tras ela, Rocío García Baña, enfermeira do servizo de HADO e Paliativos do Hospital Virxe da Xunqueira que falará do “Acompañamento ata o final do camiño”.

Logo da parada para o café será a quenda de Luisa Andaluz Corujo, traballadora social da Unidade de Coidados Paliativos do CHUAC co relatorio “As decisións compartidas ao final da vida, o documento de instrucións previas”. Pechará a xornada o xefe da Unidade de Coidados Paliativos do CHUAC, o doutor Juan Sanmartín cunha charla titulada “Coidados Paliativos, facer as cousas ben”.

Para a concelleira de Servizos Sociais e Cultura, Sandra Alvite, “esta xornada ten unha gran importancia para as persoas do municipio que se atopan nesta situación e está destinada aos familiares, aos coidadores informais e tamén aos coidadores formais que queiran ampliar os seus coñecementos neste ámbito”. Ao fío disto engadiu que “nos centraremos nos coidados esenciais para que esta etapa da vida sexa cómoda, con menos complicacións e que as e os familiares saiban que están aportando todos os coidados que a persoa precisa”.

Comentarios