Mércores. 21.08.2019
El tiempo

O Mapa de Mazaricos de Gonzalo Vilas

O Mapa de Mazaricos de Gonzalo Vilas
Seguimos recuperando historias fermosas do Concello de Mazaricos e da Costa da Morte da man de Suso Jurjo. Hoxe vai de mapas, pero non de calquera mapa.

”O Mapa de Mazaricos deseñado por Gonzalo Vilas no 1994”, por Suso Jurjo

O Mapa de Mazaricos de Gonzalo Vilas Pincha na imaxe para ampliar o mapa de Gonzalo Rivas O Concello de Mazaricos no ano 1994, sendo alcalde Xoán Manuel Ramos Rodríguez, publicou un pequeno folleto turístico que mostraba os principais recursos e atractivos que ofrecía o noso “outamento” para os posibles visitantes. O fotógrafo Antonio Picón Iglesias era o responsable do repertorio fotográfico cun traballo que dotaba a Mazaricos dunha imaxe moi suxerinte da que beberon moitos ata o día de hoxe. Un mapa do territorio municipal deseñado por GONZALO VILAS completaba o aparato gráfico da guía e, este que escrebe, encargouse dos textos. O mapa de Mazaricos, obxecto e imaxe deste artigo, como xa dixemos, era unha creación do debuxante e humorista gráfico GONZALO VILAS. Cunha longa traxectoria no mundo da banda deseñada con importantes colaboracións na revista CAN SEN DONO, en xornais coma La Voz de Galicia, El Correo Gallego ou no semanario A Nosa Terra. Nesta última cabeceira foi, ademais, o coordinador e creador da maioría dos contidos do suplemento infantil BULE-BULE. Ilustrou múltiples publicacións do departamento de educación do Concello de Santiago de Compostela, e traballou e segue traballando no mundo da publicidade. O noso mapa está realizado cuns trazos claros e contundentes, e cun axeitado e expresivo uso da cor que contribúe á eficacia da mensaxe e á beleza do resultado. Sobre un fondo continuo de matizados verdes, desenvólvese a trama representativa daqueles elementos que considerábamos, e seguimos considerando, máis salientables entre o moito e bo que o noso Concello ten para ofrecer no plano turístico. Os montes, os ríos, as fervenzas, os encoros, as carballeiras, os núcleos de poboación máis destacables, o patrimonio material e inmaterial, os camiños históricos e as principais estradas que vertebran o territorio e os servizos. E vacas por acó e por acolá, símbolos e emblemas da nosa riqueza e do noso desexo de continuar, coma os nosos antepasados, vivindo nesta terra e desenvolvendo todas as súas capacidades, das que a gandería é prioritaria e a turística, cargada de posibilidades. Podía continuar cunha descrición moi polo miúdo do mapa, mais como coido que fala por si só, unicamente, a modo de anécdota, dicirvos que o esquema dos puntos cardinais ten o leste e o oeste trocados. Pero o norte está firme, e co norte firme o rumbo será seguro.
  • Suso Jurjo, técnico de Cultura do Concello de Mazaricos.
   

Outras reportaxes mazaricás de Suso Jurjo

Novas relacionadas

Fonte

  • Suso Jurjo para o Concello de Mazaricos.

Comentarios