Xoves. 28.03.2024
El tiempo

Pero onde está Mazaricos?

Pero onde está Mazaricos?
As aldeas de Pidre O Outeiro e Atan vistas dende a Picota a actual capital municipal de Mazaricos As aldeas de Pidre, O Outeiro e Atán vistas dende a Picota a, actual capital municipal de Mazaricos A miúdo chegan Á Picota algunhas persoas preguntando se están en Mazaricos. En principio e sen meternos en máis fonduras, teriámoslles que contestar afirmativamente. Aínda máis, cunha dobre afirmación, xa que non só estarían no Concello de Mazaricos, senón que tamén se atoparían na parroquia do mesmo nome. Mais se esquecemos o sentido xeral e queremos ser xustos e concretos, contestariamos que están na Picota, a capital de Mazaricos. Se deixamos a un lado estas disquisicións e nos guiamos pola experiencia, contestariámoslles que aínda que están na Picota, o Mazaricos que buscan é moi posible que sexa esta localidade. Como así é, xa que se escollemos ao azar unha das moitas persoas que preguntan, por exemplo un transportista que trae un paquete para a casa de Ventín. Para a casa de Ventín? Non, para Almacenes Atán. Non nos desviemos. O noso transportista traía a rúa e o número correctamente, mais no que se refire ao núcleo, no lugar de A Picota aparecía Mazaricos. Xa co asunto aclarado, poderíamos dicirlle que de tódolos xeitos tivo sorte, se viñera guiado polo GPS tería que subir polo Monte Aro e deixaríao en Mazaricos de Arriba. Non todo estaría perdido se ao noso interlocutor lle gustan os xacementos arqueolóxicos, as amplas panorámicas e as boas vistas, porque de todo iso ía atopar no curuto do monte aludido.

Agora preguntamos nós, onde está Mazaricos?

Na grande maioría dos municipios galegos o nome do concello coincide co da capital do mesmo. Mazaricos é, con algúns máis, unha excepción. Non só é unha excepción a día de hoxe, senón que o foi dende o seu nacemento alá polo ano 1836. Xa temos falado sobre este nacemento, mais agora lembremos algúns feitos. No intre de formar os concellos, nese afastado ano, había varias opcións para situar a súa capital. Naqueles municipios onde contaban cun núcleo que sobresaíra pola súa importancia poboacional ou estratéxica, a elección era doada. Nos casos onde non existía esta circunstancia e os lugares tiñan características similares, normalmente, seguíase un criterio de centralidade xeográfica. Escollían a capital da parroquia que estaba nunha posición máis ou menos equidistante do resto do territorio municipal. Parroquia da que tamén tomaban o seu nome para designar a nova entidade política e administrativa. Este foi o noso caso. Elixiron a parroquia de Mazaricos pola súa situación central para nomear todo o territorio e para situar a capitalidade do mesmo. Dentro da parroquia de Mazaricos o lugar máis axeitado para encravar a capital era un conxunto de tres aldeas, practicamente unidas sen solución de continuidade, chamadas Atán, O Outeiro e Pidre. Este feito xa era unha singularidade, xa que a diferenza da maioría das parroquias galegas, a de Mazaricos non posúe a día de hoxe, nin tampouco daquela, ningunha aldea cuxa denominación coincida coa da freguesía. Temos, iso si, a aldea de Mazaricos de Arriba que, pola súa posición excéntrica e moi elevada, coidamos pouco axeitada para dar orixe á denominación parroquia. De tódolos xeitos, o seu topónimo confírmanos a existencia dun Mazaricos de Abaixo ou dun Mazaricos sen máis, situado no fondo do val, a escasa distancia da igrexa e polo tanto, moi apropiado para vertebrar a parroquia ao seu redor.

Pero cal é ou cal foi este Mazaricos?

Ao longo de moito tempo e en múltiples conversas con persoas maiores de fóra da parroquia de Mazaricos, teño comprobado que ao conxunto das aldeas de Atán, O Outeiro e Pidre, considerábano un só lugar ao que chamaban Mazaricos. Así que o único que se me ocorre para xustificar esta particularidade é que nun pasado indeterminado estes tres encraves formarían a aldea de Mazaricos, na que andando o tempo os seus propios veciños foron diferenciando nominalmente os diferentes rueiros que a compuñan ata chegar á situación que xa coñecemos. Os encargados de guiar os primeiros pasos do Concello de Mazaricos situaron a capital no Outeiro. En datas posteriores, ao abeiro da comenencia e dos intereses da corporación municipal de quenda ou de quen a controlaba dende a sombra, a capital foi trasladada primeiro a Beba e despois a Atán, ata que no ano 1960 se situou de forma oficiosa na Picota. Houbo que esperar ao ano 1992 para que ese carácter oficioso fose elevado a un estatus oficial pola corporación presidida por Xoán Manuel Ramos Rodríguez. Xa para rematar, sería moi aconsellable artellar unha campaña que aclarase a diferenza entre o nome do concello e o da súa capital. Unha campaña que incluíra unha axeitada sinalización onde A Picota, como capital, tivera máis presenza nas estradas e encrucilladas que conducen a ela.
  • Suso Jurjo, técnico de Cultura do Concello de Mazaricos.
 

Outros artigos de Suso Jurjo

https://quepasanacosta.gal/unha-vision-moi-persoal-da-compostela-monumental/ “De cañeiras e de esterco” — Que pasa na costa

Comentarios