Sábado. 20.04.2024
El tiempo

Recuperando as casas máis antigas de Mazaricos

Recuperando as casas máis antigas de Mazaricos
Continuamos de viaxe pola historia de Mazaricos gracias aos rtigos que Suso Jurjo, Técnico cultural do Concello de Mazaricos, comparte nas redes sociais.

As casas máis antigas de Mazaricos, por Suso Jurjo

Primeiro plano da ventá da antiga casa do Ghagho das Maroñas Primeiro plano da ventá da antiga casa do Ghagho das Maroñas Antes de meternos en materia temos que aclarar que as casas máis antigas de Mazaricos atópanse, de seguro, nos numerosos castros que hai en todo o territorio municipal, e que aínda non están escavados. O coñecemento que temos sobre eles non vai máis alá dos muros que fechan os seus perímetros. Con esta salvidade, os exemplos que trataremos seguidamente son os primeiros cronoloxicamente que están ao alcance de calquera observador e, polo tanto, poden ser obxecto de análise. Outra cuestión importante que queremos resaltar é o feito de que ningunha das casas das que falaremos se conserva no seu estado orixinal, despois de máis de catro centos anos sufriron numerosas alteracións que nalgún caso só deixaron na obra actual algunha pegada do seu aspecto primixenio. No ano 2002 publiquei na Revista da Fervenza un artigo sobre as casas máis antigas de Mazaricos, onde, entre outras, salientaba un conxunto de tres vivendas situadas no Camiño de Santiago ao seu paso polo lugar das Maroñas. Hai uns días decidín, despois de revisalo e actualizalo, reeditalo neste perfil. Con este propósito, o pasado luns, achegueime ata As Maroñas para comprobar en que estado estaban as casas despois de máis de quince anos sen volver por estes rueiros, e sacarlle unhas fotos. Teño que deixar constancia do meu agradecemento a Manuela Blanco Tuñas (Manola do Portugués das Maroñas) porque despois de tanto tempo, unha das vivendas localiceina sen problemas, pero coas outras dúas estaba algo desorientado. Ela, ademais de sinalarme a súa situación, informoume amablemente de a quen pertencían. Na miña visita puiden comprobar que nunha das edificacións, a antiga casa do Fanado, xa non había nada que fotografar. A fachada posterior desapareceu por completo e da principal só restan algúns treitos da planta baixa. Desta casa que xa perdemos irremediablemente, sobresaía na fachada principal unha porta coas arestas cortadas a bisel e co lintel apoiado sobre mochetas. Estes dous elementos de sostén atopábanse decorados con unhas cunchas de vieira. Un motivo moi axeitado para unha construción encravada na ruta que seguen os peregrinos dende Santiago ata Fisterra. As outras dúas vivendas con certos cambios e algúns engadidos recentes, seguen en pé. Forman cunha terceira edificación un conxunto de tres casas unidas polas súas paredes medianeiras. A que se atopa máis ao Sur, que aquí non imos a tratar, é menos antiga que as súas veciñas, pero non carece de interese pola súa sólida e requintada factura. As que nos interesan nesta ocasión son a que sitúa no medio e a que está apegada a ela polo vento Norte. A primeira é a casa de Camiña e está deshabitada dende hai pouco. Na fronte, coidamos que posterior, destacan dous trazos: un pequeno treito da cornixa coa que remata esta fachada, posúe unha rica moldura en escocia. Pero quizais o elemento que máis chama a atención desta obra, sexa unha inscrición que se atopa nunha ben escuadrada lousa de pedra de grao que serve de piar a unha ventá da planta superior e na que figura o seguinte texto: “esta casa es de bertola Tuñes se (o)bró en ell año de mill quinientos e sesenta e dos”. Como vemos a posuidora desta vivenda non só a dignificou cunha serie de elementos decorativos da arquitectura culta, senón que tamén quixo deixar constancia da data de construción e do nome da persoa á que pertencía. Agora que tanto se fala do empoderamento das mulleres, esta nosa veciña das Maroñas en pleno século XVI, non tivo reparo en eternizar o seu nome para exemplo das xeracións vindeiras. No segundo andar ten dúas ventás pegadas aos topetes do teito, característica común a toda a nosa arquitectura popular. Bloque de pedra sobre o que se apoia a venta da casa de Camiña das Maroñas Bloque de pedra sobre o que se apoia a venta da casa de Camiña das Maroñas A outra casa pertencía ao Ghagho, hoxe é de outro veciño que a utiliza como alpendre. É de menor altura que a compañeira coa que comparte medianeira polo lado Sur e que vimos de tratar. No segundo andar ten unha ventá na que destaca o tipo de estrutura de madeira que a fecha ao exterior. Semellante a unha contra pero coas dúas follas perforadas por dous pequenos ocos. Ocos que nos últimos tempos se completarían con láminas de vidro que ademais de protexer das inclemencias do tempo permitirían a iluminación do interior. En épocas máis recuadas, cando este material era un luxo ao alcance de moi poucos, seguramente usaban recortes de vexiga de porco curada, cos que obtiñan unha claridade semellante á dun cristal translúcido. Non rematan aquí os trazos de interese desta pequena construción: no coroamento da fachada atopamos unha suxerinte cornixa decorada por molduras de bola, puntas de diamante, cunchas de vieira e, incluso, a cabeza dun home barbado en posición recostada. fachada da antiga casa do Ghagho das Maroñas na que podemos observar os trazos máis singulares da mesma Fachada da antiga casa do Ghagho das Maroñas na que podemos observar os trazos máis singulares da mesma Estamos ante dúas vivendas edificadas nunha mesma época, e ambas con elementos decorativos pouco comúns na arquitectura doméstica dunha pequena aldea. Este feito lévame a pensar que aída que hoxe son construcións independentes, é moi probable que en orixe formaran unha única vivenda: a casa de Bertola Tuñes. As portas con lintel sobre mochetas atopámolas nalgunhas casas máis de Mazaricos: nunha vivenda de Cumbráns (Antes) e nunha entrada, agora tapiada, da casa do Liste de Beba. Esta última construción tamén conta na súa fronte posterior cunha rica cornixa decorada con molduras de bola. No mesmo lugar de Beba, na casa do Goriño, atopamos unha porta coroada por un arco conopial en relevo. Arco conopial que se repite, aínda que de forma máis traballada e desenvolvida, nunha construción usada como alpendre e que pertence á casa do Merghildo de Vilar Gueimonde (Corzón). A maioría das construcións domésticas, é dicir, as tradicionais casas de pedra que configuran as características aldeas da nosa Terra, pertencen á denominada “arquitectura popular” na que, a diferenza dos pazos, das casas grandes ou das “villas” de indianos, hai unha estreita relación entre forma e función. Son edificacións onde o importante é que se axeiten ás necesidades da vida e do traballo agrario. Dándolle un carácter atemporal, alleo aos trazos estilísticos propios da arte culta. Isto non quere dicir que non haxa elementos decorativos, pero normalmente son froito da creatividade dos nosos artesáns e están inspirados, na maioría dos casos, pola súa realidade máis próxima e non polas diferentes correntes estéticas da arte internacional, e que caracterizan cada unha das etapas da historia da humanidade. A diferenza desa arquitectura tradicional, os exemplos que vimos anteriormente son sensibles ao estilo imperante na época en que foron creados. E que estilo é ese? Todos os trazos descritos retrotráennos cronoloxicamente a finais do século XV e principios do XVI, e ás fórmulas artísticas imperantes durante o reinado dos Reis Católicos. Fórmulas que non se limitaron a este marco temporal, prolongándose ao longo de todo o século XVI nas zonas menos activas artisticamente. Era un estilo con claras influenzas do gótico internacional e moi permeable a experiencias utilizadas no Portugal do rei Manuel I. Tampouco era alleo á arquitectura renacentista nacida en Italia por aqueles anos, da que tomou puntualmente algúns trazos. O Hospital Real de Santiago de Compostela foi unha fundación dos Reis Católicos que contribuíu poderosamente á difusión deste repertorio por todo o País. Sen ir máis lonxe, na Costa da Morte temos un exemplo sobranceiro que en boa parte segue os ditados emanados do edificio compostelán. Referímonos ás Torres do Allo onde, entre outros, destaca a proliferación de arcos conopiais. Porta principal da desaparecida casa do Fanado das Maroñas Porta principal da desaparecida casa do Fanado das Maroñas A antiga casa do Fanado das Maroñas xa unicamente é unha lembranza e unha morea informe de pedras, agora tócanos velar polo que aínda se mantén en pé. Todos estes elementos construtivos unidos a que carecemos no noso Concello de exemplares de arquitectura doméstica medieval, converten as casas antes citadas nas máis antigas de Mazaricos, coa salvidade dos restos castrexos aínda ocultos por un manto de terra e toxos. Este feito obríganos a conservalas para que enriquezan e arrequenten o noso patrimonio arquitectónico, por outro lado, tan escaso no que se refire a arquitectura civil de raíz culta. As dúas casas das Maroñas unidas á súa medianeira do lado Sur, pola situación que ocupan no Camiño de Santiago e os elementos históricos e artísticos que aínda atesouran, formarían un conxunto moi adecuado para restaurar co obxecto de utilizalo con fins turísticos ou “museísticos” ( hospedaxe, restauración, centro de interpretación do Camiño a Fisterra,… Porta da casa do Goriño de Beba Porta da casa do Goriño de Beba
  • Suso Jurjo, técnico de Cultura do Concello de Mazaricos.
 

Outras reportaxes mazaricás de Suso Jurjo

Novas relacionadas

Fonte

  • Suso Jurjo para o Concello de Mazaricos.

Comentarios