Venres. 29.03.2024
El tiempo

Muros recibirá 753.000 euros do Plan Único da Deputación da Coruña

Muros recibirá 753.000 euros do Plan Único da Deputación da Coruña
O presi da Deputacion cos voceiros de Muros O presidente da Deputación visitou Muros acompañado dos voceiros dos grupos municipais

Dende a Deputación aseguran que o que están a facer co Plan Único POS+ é ”algo revolucionario”. Ademais da importante redución de papeleo, as cifras que saen de unir todos os programas provinciais no mesmo POS parecen importantes. Por exemplo, onte o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, achegábase a Muros para lembrar que o novo plan provincial para 2017 supón para os concellos “máis cartos, máis axilidade na tramitación e máis transparencia” no reparto de fondos públicos. O concello muradán recibirá en 2017 753.390,29 euros a través do Plan Único- POS+ 2017.

Formoso destacou tamén que o POS+ “ofrece unha maior autonomía aos concellos á hora de decidir en qué investir os fondos que lles transfire a Deputación e supón un financiamento estable e previsible, que permite que os concellos podan coñecer con antelación os fondos provinciais dos que disporán e planificar mellor a elaboración dos seus propios orzamentos”.

Outro dos obxectivos fundamentais do novo plan provincial é o saneamento das economías municipais nun prazo de dous anos, polo que o POS+ incorpora mecanismos para reducir os tempos de pago a provedores dos concellos coruñeses e amortizar a débeda dos municipios cos bancos.

Valentín González Formoso fixo estas declaracións ao remate da visita que esta mañá realizou ao municipio de Muros, onde foi recibido pola alcaldesa, María Xosé Alfonso, e polos portavoces dos distintos grupos políticos representados na corporación municipal.

O emprego, “principal obxectivo”

O Plan de Emprego Local (PEL) da Deputación incrementou de 11.400 euros a 40.000 € os fondos que o concello de Muros viña recibindo para a creación de emprego, o que permitiu a contratación de 9 persoas durante 2016.

Falouse tamén da mellora das infraestruturas hidráulicas realizadas en Boavista, Baños, Freixeiro e Tal ou as obras de pavimentación de camiños en Creo, Convento e Lestón de Arriba, que supuxeron un investimento de máis de 600.000 euros a través dos programas POS e PAS.

Visita ao Pozo do Cachón

Visita da Deputacion ao Pozo de Cachon

Tanto o presidente da Deputación como os responsables dos grupos municipais visitaron o muíño de marea do Pozo do Cachón, “un importante recurso turístico para Muros”. Unha guía especializada explicou ao presidente a historia e o funcionamento do muiño, que contou con fondos provinciais para a súa recuperación e musealización e cuxo calendario anual de actividades segue contando co apoio económico da Deputación, cunha achega de 20.000 euros o pasado ano.

A idea é que en vindeiras datas acolla a exposición Xigantes, sobre a historia da construción naval na provincia da Coruña, sobre todo para as visitas escolares.

Melloras na estrada de Abelleira a Paxareiras

Houbo visita á estrada provincial DP 5304 de Abelleira a Paxareiras por Torea, na que a Deputación da Coruña está a realizar obras de mellora por importe de 408.560, 99 euros. Os técnicos provinciais do departamento de Vías e Obras supervisaron a cuneta de formigón xa construída na marxe esquerda da calzada, que será rectificada para un acabado máis uniforme.
Unha vez completados eses traballos, dotarase aos primeiros oito quilómetros da estrada dun novo asfaltado con mistura bituminosa en quente que mellorará as condicións de circulación e procederase ao pintado do vial e á reposición da sinalización horizontal e vertical e de novas barreiras metálicas de seguridade en varios tramos do vial.

Novas relacionadas

Fonte

  • Deputación.

Comentarios