Sábado. 20.04.2024
El tiempo

A Deputación afronta e mellora do acceso á praia de Lago e a creación dun sendeiro xacobeo en Muxía

A Deputación afronta e mellora do acceso á praia de Lago e a creación dun sendeiro xacobeo en Muxía
Obras na estrada de Merexo e Leis

Coas polémicas obras de Lourido aínda quentes, a Deputación da Coruña afrontará en breve, trala aprobación no pleno do pasado venres, un proxecto para mellorar a estrada municipal que da acceso á praia de Lago e aos núcleos de Leis e Merexo, en Muxía, ademais da creación dun sendeiro xacobeo que permitirá aos peregrinos facer este tramo do Camiño en mellores condicións de comodidade e seguridade.

As obras suporán un importante investimento de 534.769,88 euros, dos que o 37% (200.000 €) serán achegados pola institución provincial a través do convenio de colaboración co Concello de Muxía aprobado na sesión plenaria deste venres; 295.598,35 € serán financiados con cargo ao Plan Único (POS+2018) da Deputación e os restantes 39.171,53 € serán financiados con fondos propios do concello.

Obras da estrada

A estrada, cunha extensión total de 3,7 quilómetros de lonxitude, conecta o lugar de Os Muíños coas praias de Lago e Leis, unhas das de maior afluencia de visitantes da comarca e conta nas súas inmediacións con varios establecementos dedicados ao turismo e a hostalaría. Pola zona ademáis transitan a diario centos de peregrinos, xa que o itinerario forma parte da ruta xacobea que desemboca no santuario da Virxe da Barca.

Sendeiro xacobeo e ampliación da estrada

As obras comezarán coa construción dunha pequena glorieta no lugar de entronque deste vial municipal coa estrada autonómica AC-440, dende onde partirá un sendeiro xacobeo de carácter peonil que se estenderá nun tramo de 1.400 metros pola marxe dereita da calzada conectando os núcleos de Merexo e Os Muíños. Este sendeiro peonil estará configurado con adoquíns de formigón envellecido, cun acabado especial que reproducirá a textura e aspecto do antiguo pavemento románico, buscando a súa perfecta integración na paraxe rural na que se ubica. Tamén se mellorarán as condicións de seguridade do tráfico rodado na zona, ampliando a anchura da estrada ata os 5,50 metros, eliminando as elevacións e desperfectos existentes no pavemento e dotándoa dun novo firme a base de gravilla, aglomerado en quente de 6 cm de espesor e rego de adherencia superficial. O proxecto inclúe tamén a roza e limpeza das marxes do vial, a instalación 600 metros de cuneta revestida de formigón, 300 metros de canalizacións e 15 sumidoiros para a recollida de pluvais, así como a sinalización horizontal de pasos de peóns e sinais de circulación.

Comentarios