Venres. 19.04.2024
El tiempo

Muxía acolle unha charla sobre a cláusula chan e outra sobre a reciclaxe

Muxía acolle unha charla sobre a cláusula chan e outra sobre a reciclaxe
Técnicos da Unión de Consumidores de Galicia - UCGAL - impartirán mañá venres unha xornada informativa en Muxía baixo o título "Que podo facer ante unha cláusula chan?". O principal obxectivo desta actividade é axudar á cidadanía a despexar as súas dúbidas sobre as cláusulas chan e o impacto que a sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea terá sobre a devolución dos importes cobrados indebidamente. A xornada informativa levarase a cabo, ás 19 horas, no salón de plenos do concello de Muxía, e contará coa presenza da responsable do centro de Información á Muller de Muxía - Isabel Muñoz -. A entrada é libre e gratuíta ata completar aforo. UCGAL recoñece que, trala sentenza ditada recentemente polo Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE), o número de consultas sobre as cláusulas chan aumentou e que, practicamente cada día, atenden chamadas de persoas consumidoras que buscan información e asesoramento. Esta xornada informativa forma parte dunha serie de actividades que UCGAL está a desenvolver por toda Galicia para achegar á cidadanía información actualizada e veraz sobre as cláusulas chan. Reciclaxe Por outra parte, a asociación Muxía Turismo Rural (en colaboración co concello) organiza unha xornada formativa sobre a reciclaxe impartida por técnicos da campaña "Oportunidades para reciclar". A sesión terá lugar o domingo 26 de febreiro ás 17 horas no local social da antiga escola de Viseo. Durante a charla, os participantes realizarán actividades prácticas de separación de residuos, xogos de reciclaxe e merchandasing. Fonte

Comentarios