Venres. 29.03.2024
El tiempo

Denuncian qua falta substitución da praza de enfermeira no Centro de Saúde de Muxía

Denuncian qua falta substitución da praza de enfermeira no Centro de Saúde de Muxía
Centro de Saude de Muxia Centro de Saude de Muxía

Seguimos falando de sanidade en clave de recortes. Desta volta é a CIG a que denuncia un novo desmantelamento, desta volta, en Muxía. Asegura o sindicato nacionalista que no centro de Saúde muxián existen 3 prazas de enfermería das cales, na actualidade, unha delas, con motivo da xubilación da enfermeira que a ocupaba, leva meses sen cobertura. Isto provoca que as/os pacientes que estaban adscritos a esta praza, carezan de enfermeira de referencia e están a ser vistos polas outras dúas enfermeiras do centro. As profesionais teñen unha sobrecarga moi alta no seu traballo, o que repercute directamente sobre a poboación, que ve incrementado o tempo de espera para a atención e afectado o seguimento dos tratamentos (por exemplo nunha cura) ao non ter unha enfermeira de referencia.

Deste xeito, as/os usuarios deste centro de saúde están tendo un atraso importante para a realización de probas (analíticas, electrocardiogramas programados....), consultas de control de patoloxías crónicas (hipertensión, diabetes...), xerándose malestar entre estes pola repercusión sobre a súa saúde, do que xa deron conta en cerca dun cento de reclamacións enviadas a Xerencia, das cales continúan a non ter resposta.

Atención domiciliaria

A CIG culpa á Xerencia da EOXI da Coruña de non ter en conta que falamos dunha poboación media de avanzada idade, cun grao de dispersión xeográfica moi alto, polo que “a falta de enfermeiras existente neste centro leva a que a poboación de Muxía teña difícil acceso ao servizo de atención domiciliaria. Este déficit de profesionais fai que non se poida dar unha atención domiciliaria axeitada, algo que sería básico para estas/es pacientes que polo xeral con estas medias de idade adoitan ter pluripatoloxías, graos de dependencia moi altos. Ademais, unha atención domiciliaria axeitada evita en gran medida os ingresos hospitalarios e polo tanto os colapsos dos hospitais, principio do que a Xerencia é perfectamente coñecedora”.

Un novo pao para o funcionamento do centro de saúde muxián, que xa hai uns anos perdeu o servizo de urxencias, obrigando aos veciños a desprazarse 25 km ata Cee para unha Urxencia.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios