Xoves. 28.03.2024
El tiempo

Moirame descubre os seus segredos a través dunha serie de visitas teatralizadas

Moirame descubre os seus segredos a través dunha serie de visitas teatralizadas
moraime-visitas-teatralizadas A longo dos meses de agosto e setembro realizaranse un total de oito visitas teatralizadas de "O segredo de Moraime" Para divulgar dun xeito lúdico e participativo a historia de Moraime, o concello de Muxía poñerá en marcha este verán unha serie de visitas teatralizadas das que se encargará a compañía Os Quinquilláns e que levan por título "O segredo de Moraime". En total serán 8 visitas teatralizadas que se desenvolverán entre os meses de agosto e setembro. Esta iniciativa súmase a outras xa consolidadas como a do Castelo de Vimianzo, as Torres do Allo e o Dolmen de Dombate. A nova campaña turística presentouse o pasado martes no hotel Monasterio de Moraime nun acto no que estiveron o alcalde de Muxía, Félix Porto, e os dous actores de Os Quinquilláns - Lucho Penabade e Tero Rodriguez - que se encargarán das representacións. O texto que se vai representar, orixinal de Tero Rodriguez, é un achegamento de xeito lúdico á historia e o misterio que envolve este lugar de grande relevancia para a Costa da Morte e para toda Galicia. Haberá dúas personaxes, Silvina e o monxe Golías que nos achegarán a estes misterios e sentido do lugar. O alcalde explicou tamén que estas actividades son unha nova chamada de atención para que a Xunta cumpla o seu compromiso de poñer os medios técnicos necesarios para levar a cabo o convenio coa Universidade de Santiago para abrir as excavacións da contorna de Moraime, que xa foran abertas por Chamosos Lamas nos anos setenta e onde hai dende unha "villae romana", ata enterramentos suevos e restos do mosteiro medieval. O concello e a Deputación da Coruña chegaron a un acordo para poñer ambos cartos sobre a mesa pero é necesario o apoio da Xunta para non ter atrancos con patrimonio que demoren estes traballos. A consellería de Cultura adquiriu o compromiso en xaneiro deste ano ainda que, segundo o concello, de momento non hai ningunha resposta máis. Polo que o rexedor muxián reclama atención sobre un lugar emblemático que precisa un traballo de recuperación e posta en valor que o concello está disposto a sacar adiante. No seu día o concello reclamando atención e presentando un proxecto de recuperación na Xunta, que incluía a restauración das pinturas, que tras longos anos de espera, por fin foron recuperadas neste ano 2018. A Cea do Infante Afonso O evento da Cea do infante Afonso será en agosto (25 e 26 de agosto) outra das actividades que un ano máis o concello de Muxía desenvolverá para reclamar esta atención sobre Moraime. Entre as actuacións atópase un concerto de Xoan Curiel "Ao encontro de Martín Códax", que será o sábado a partir das 20:00 horas no interior da igrexa e xa o domingo, ás 13:00 horas, haberá Vox Stellae ofrecerá un concerto tamén no interior da igrexa.   Datas das visitas teatralizadas
  • 4 agosto: ás 12:30 horas
  • 18 agosto: ás 11:00 horas
  • 25 agosto (dentro do evento da Cea do infante Afonso): ás 12:30 horas
  • 26 agosto (dentro do evento da Cea do infante Afonso): ás 10:30 horas
  • 15 setembro: ás 12:30 horas
  • 16 setembro: ás 12:30 horas
  • 22 de setembro: ás 12:30 horas
  • 23 de setembro: ás 12:30 horas
Novas relacionadas

Outros artigos de interese

Fonte

Comentarios