Xoves. 28.03.2024
El tiempo

O PP de Muxía traslada á Deputación o malestar dos veciños afectados pola ampliación da DP-5201

O PP de Muxía traslada á Deputación o malestar dos veciños afectados pola ampliación da DP-5201
A ampliación e mellora do trazado da estrada entre Muxía e Touriñán, na que a Deputación da Coruña investiu uns 700.000 euros, causou malestar entre algúns dos veciños afectados. Así llo trasladou a portavozo do grupo municipal do Partido Popular de Muxía, Sandra Vilela, ao presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso. En concreto, a popular explicou que algúns dos afectados decidiron no seu día non asinar os expedientes de expropiación por diferentes causas. “Hai xente que non estaba de acordo porque a ampliación da estrada afecta a varias casas e hórreos que están próximos á vía, mentres que outros non o fixeron por considerar que había bens afectados que non se incluían na proposta de indemnización”, apuntou Vilela. Así mesmo, a portavoz do Partido Popular de Muxía subliñou que hai outros veciños que, pola súa banda, realizaron a reclamación pertinente, pero asinaron a conformidade coas actas de expropiación e, neste momento, segundo Vilela, atópase nunha situación de “total indefensión”. Con todo iso, os populares de Muxía remitiron unha carta ao presidente da Deputación na que solicitan que o executivo provincial revise o expediente deste proxecto para solucionar o problema destas persoas. “Sabemos que o proxecto da estrada é o que é e resulta moi complicado cambialo”, recoñeceu Vilela, quen, á súa vez, non escondeu que “legalmente tamén todo é correcto”, pero, con todo, desde o Partido Popular instan a González Formoso a que teñan en conta esta situación, apele ao “sentimento de servizo” que debe ter unha institución como é a Deputación da Coruña e trate de buscar unha saída ás queixas dos veciños. Novas relacionadas Fonte

Comentarios