Xoves. 28.03.2024
El tiempo

A pintura desembarca un ano máis en Muxía con 'Muros do nordés'

lanzamiento
A pintura desembarca un ano máis en Muxía con 'Muros do nordés'

Volve o proxecto Muros do Nordés a Muxía, que segue medrando nesta cuarta edición que se celebrará do 22 ao 25 de agosto. Organizado, como nas anteriores edicións, pola Asociación Xuvenil Comarea e o Concello de Muxía, será todo evento lúdico-cultural.

Tal e como apuntan desde a organización, nesta edición parten da hipótese de que a creación conxunta no espazo público é a base dun sistema fértil e sostible. Para poder levala a cabo construirán un programa cultural diverso no que o punto de unión sexa a acción nas rúas e a vinculación dos temas a tratar coa realidade local. "É un evento localizado que pretende nutrir a rede cidadá e así encamiñarnos cara novas formas de vivir máis sostibles, fértiles e posibles", din.

Do mesmo xeito, explican que lles interesa, de forma especial, facer aportacións estructurais que sexan o inicio doutras posibilidades no pobo, aportacións que queden de forma permanente. Nesta liña cabe destacar dúas actividades concretas: a creación da biblioteca de intercambio e o debate sobre o lixo do mar. "Queremos que a biblioteca de intercambio que construiremos se asente como un servizo fixo integrado na biblioteca municipal e, por outra banda, interesa que o debate sobre o lixo do mar sexa o inicio dun traballo conxunto por afrontar esta relación de abuso co medio ambiente."

A maiores, a exposición Outras Muxías perdurará un pouco máis no tempo xa que será instalada nun dos espazos dispoñibles do Concello, para así seguir invitando á reflexión, ó tempo que, tamén, nas redes sociais se abriu o hashtag #outrasmuxías como empuxe para que a xente se anime, a través da expresión artística, a imaxinar futuros posibles.

Velaquí o programa completo:

XOVES 22 (na Barca)

- Noite. 23:30h. Velada astronómica na Barca. Unha actividade para poder iniciarse nos coñecementos astronómicos e pasar unha velada, bastante máxica, na porta do santuario. A cargo de Xosé Valencia Romar.

VENRES 23 (no Cabo da Vila)

- Mañá e tarde. A partir das 12:00h. Outras Muxías. Instalación da exposición efémera Outras Muxías (participación aberta con previa convocatoria a través das redes sociais, na cal se invita á creación de diversas visións sobre o futuro e presente do concello a través das artes plásticas e a literatura). Convocatoria aberta ata o mércores 21.

- Tarde. 19:00h. Mercadiño cultural e creación da Biblioteca do Nordés. Realizarase un pequeno mercadiño de intercambio no Cabo da Vila aberto a todas as persoas no que se intercambiará cultura (libros, películas, etc). Despois pintaremos, en colectivo, unha estantería que será a base da Biblioteca do Nordés, unha biblioteca de intercambio de libros que formará parte da biblioteca municipal.

SÁBADO 24 (no Coído)

- Mañá. 12:00h. Lixo do mar: acción e debate. Recollida colectiva do lixo mariño do Coído e debate aberto posterior, na mesma praza, sobre a problemática medio ambiental da gran cantidade de lixo que hai no mar e ronda de propostas colectiva sobre posibles accións. Coa participación da Asociación Mar de Fábula.

- Tarde. 19:00h. Busca do Tesouro. Xogo conxunto e aberto por todo o pobo.

- Noite. 21:00h. Xurelada e baile con La Sincereza. Ó acabar o xogo farase unha pequena xurelada na praza do Coído amenizada con música, a cargo dos djs de cumbia e música latina La Sincereza (Santiago de Compostela).

DOMINGO 25 (na Pedriña)

- Tarde. 19:00h. MDN: Batalla de galos. Celebración dunha batalla de galos que pretende dar un espazo á xuventude que actualmente desfruta con este tipo de expresión artística e traer, tamén, a algunhas persoas galegas máis recoñecidas no ámbito. A cargo do colectivo MDN.

cartel definitivo - mdn iv

Comentarios