Xoves. 18.04.2024
El tiempo

Rosalía de Castro volve á Costa da Morte

Xornadas Rosalía na Costa da Morte
Rosalía de Castro volve á Costa da Morte

Este sábado 31 de outubro será un día especial en Muxía. A Fundación Rosalía de Castro trae á vila da Barca un acto especial no marco do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021. “Rosalía na Costa da Morte” é o título desta xornada, pensada dende a Fundación para achegar a figura da autora polos lugares xeográficos e simbólicos que foron importantes na súa vida e na súa obra.

E a Costa da Morte é un lugar especial para Rosalía. En Muxía situou a súa primeira novela, ‘La hija del mar’ (1959), e a esta vila dedicoulle tamén un dos poemas máis coñecidos de ‘Cantares gallegos’, “Nosa señora da Barca”. Ademais, a relación que tiña coa irmá de Eduardo Pondal, Eduarda, permitiulle facer unha viaxe pola nosa comarca.

Para recuperar toda esa historia, o Parador e varias rúas acollerán diversas actividades, para as que é preciso reservar praza neste correo: [email protected].

A xornada arrincará ás 11:00 con varias ponencias. Primeiro falará María López Sandez, despois o muxián Manuel Vilar, director do Museo do Pobo Galego, repasará as viaxes de Rosalía pola zona. E antes de xantar haberá unha visita guiada para nenos e nenas (+8 anos) polos lugares rosalianos de Muxía, da man de Viki Rivadulla, con saída diante do bar A Marina.

Pola tarde Xurxo Souto guiaranos por un roteiro literario-musical pola vila.
Ás 18:00h toca volver ao Parador para celebrar un Recital poético con poetas da comarca como Rosalía F. Rial, Modesto Fraga, Estevo Creus, Miro Villar, Alexandre Nerium, Rafael Lema, Concha Blanco e María Canosa.
E para rematar, xa ás 19:30h, pecharase a sesión cun concerto da camariñá Belem Tajes.

 

Rosalía na Costa da Morte

Comentarios