Sábado. 20.04.2024
El tiempo

Xornada de valiosas derrotas para o tenis de mesa costeiro

A piques estivo a familia do tenis de mesa costeiro de sufrir unha fin de semana aciaga. Salvaron a honra os equipos de 2ª Galega, pois só o AD Zas O Pinar gañaba o seu particular derbi de colistas ante o Club del Mar; mentres o VTM Pinturas Figueiras facía o propio ante o Estrada.

O resto de encontros foron derrotas e contundentes. Sobre de todo as sufridas polo AD Zas Dimobel Bazar Baio en A Coruña ante os equipos do clube Finisterre TM. Tamén se esperaba máis do AD Zas Ponciano NIeto e do Concello de Mazaricos pero foron derrotados con claridade por CTM Vigo e Conxo respectivamente.

Miguel Romero e Manuel Barreira no Club del Mar - AD Zas O Pinar
Miguel Romero e Manuel Barreira no Club del Mar - AD Zas O Pinar
Xornada de valiosas derrotas para o tenis de mesa costeiro

2ª División Nacional

  • Resultado: AD Zas Ponciano Nieto - CTM Vigo (1-5).

Pouco poideron facer os zaseiros ante un CTM Vigo que se presentou co seu mellor equipo, e con moitos encontros xa disputados nesta División e noutras superiores. Así só Edu Quintela lles puxo fronte gañando un partido por 3-2 e perdendo o outro por un axustado 3-2 tamén. O bo xogo de Brais Blanco e Raúl López viuse reducido pola resolución dos golpes dos vigueses. Serviu este encontro para ver o debut de Raúl López nesta División e comprobou que nas ligas altas non se fallan puntos e hai que pelear cada un deles. Salientar o bo ánimo de todos os xogadores do AD Zas Ponciano Nieto a pesar de non conseguir resultados positivos.

3ª División Nacional

  • Resultado: Concello de Mazaricos - Conxo TM (1-4).

Sabían os de Mazaricos da dificultade de gañar este encontro pois o Conxo conta nas últimas xornadas con Julio Silva, e viñan de gañar todos os encontros no que el participou. Con este panorama Miguel Rey puxo o equipo de gala pero nin el mesmo puido sacar adiante os seus partidos como tiña acostumado. Os xogadores mazaricáns puxéronlle todo o seu saber pero enfronte estaban os veteranos Tomás, Jesus e o comentado Julio con moitas temporadas xa nesta 3ª División.

Un partido que lles serve para ver que queda moito que mellorar para asentarse con firmeza nesta susodita División. Agora queda pendente gañar outro encontro para ter a tranquilidade da permanencia que cos resultados dos demais equipos parece que nunca chega. De momento están só dúas vitorias por riba dos postos de descenso.

2ª División Galega

  • Resultado: Finisterre TM Deseñarte - AD Zas Dimobel Bazar Baio (4-0).
  • Resultado: Finisterre TM Sphera - AD Zas Dimobel Bazar Baio (4-0).
  • Resultado: Club del Mar Infantil - AD Zas O Pinar (1-4).
  • Resultado: VTM Pinturas Figueiras - CDTM A Estrada Pazo Xerlís (4-3).

Derrotas contundentes e sen paliativos do AD Zas Dimobel Bazar Baio, e ademais sen nin siquera gañar un set. Tiñan esperanzas de acadar algo positivo pero xa dende o primeiro momento viron que ía ser complicado, pero para nada esperaban o correctivo sufrido. Son duras estas experiencias pero delas tamén se aprende.

A nota positiva da xornada deronna os equipos peor clasificados da 2ª Galega, o VTM Pinturas Figueiras derrotando nun encontro moi igualado aos de A Estrada, dous equipos están no medio da táboa e o outro encontro era o derbi dos colistas que tamén se converteu en partidos moi igualados e que caeron do lado do AD Zas O Pinar e asi acadou a vitoria. Comprobaron os xogadores zaseiros como cada un no seu local faise máis forte e non se deixa gañar facilmente.

Vindeira cita

Para a vindeira semana hai descanso das competicións polo torneo estatal, e só haberá concentración de escolares en A Baña, o domingo 17 de 15'30 a 19:00 h.

Comentarios