Xoves. 25.04.2024
El tiempo

Aberto o prazo de inscrición para unha nova Andaina polo Courel dende Vimianzo e Ponteceso

Aberto o prazo de inscrición para unha nova Andaina polo Courel dende Vimianzo e Ponteceso
Andaina polo Courel 12

Volven, por outono, as Andainas. Neste caso, son os concellos de Vimianzo e Ponteceso os que organizan unha saída para o fin de semana do 17 e 18 de outubro cun completo programa de actividades relacionadas coa natureza. O destino será o famoso Courel, unha das zonas naturais máis ricas de Galicia.

Saída o sábado 17 de outubro

A saída será o sábado 17 de outubro ás 7:00h da Praza do Concello de Vimianzo, con parada, ás 7:20h a recoller aos veciños pontecesáns.

Xa ás 11:00h, nada máis baixar do autobús, toca Andaina pola Devesa de Rogueira: a Devesa da Rogueira é a xoia botánica de Galicia, un bosque que alberga o 90% das especies vexetais de Galicia, un lugar para perderse gozando das primeiras cores do outono, cos bidos e as faias anunciando os primeiros fríos e os cogomelos en plena temporada. O Outono da Rogueira é unha visita obrigatoria para todos os amantes da natureza.

Pola tarde, Visita ao Val das Mouras: é unha das moi escasas formacións kársticas de Galicia, e a máis grande de todas. Un sitio para perderse e gozar dunha natureza sorprendente. Un dos recunchos máis sorprendentes xa non de Courel, senón de Galicia, un labirinto calizo onde os veciños aproveitaron a pouca terra dispoñible para plantar castiñeiros. O Val das Mouras combina unha xeoloxía abraiante, con pasadizos, túneles, pontes de pedra, recunchos misteriosos, unha luz cambiante según a hora do día e que fai de cada visita un momento inesquecible.

Un domingo de Catamarán

E para o domingo 18, toca unha xornada máis relaxada cun incrible Catamarán polos Canóns do Sil, no corazón da Ribeira Sacra, acompañado dunha visita á Bodega Regina Viarium, unha bodega de viño Mencía.

Máis información e inscricións

Xa está aberto o prazo de inscrición. Para poder inscribirse deberán enviar un correo electrónico a [email protected] ou a [email protected].

O prezo da actividade é de 70€ por persoa e inclúe o transporte, aloxamento en albergue en pensión completa (os participantes deberán levar a comida do sábado xa que comeran en plena andaina), actividades e guía para realizar a andaina e a visita ao Val das Mouras.

Hai un total de 50 prazas (25 para cada un dos concellos) e para realizar a actividade ten que haber un mínimo de 40 inscritos. O prazo de inscrición remata o xoves 8 de outubro.

Novas relacionadas

Fonte

  • Concello de Vimianzo.

Comentarios