Venres. 19.04.2024
El tiempo

Cadelar trae de novo ás escolas da bisbarra a súa singular proposta de lectura asistida con cans

Cadelar trae de novo ás escolas da bisbarra a súa singular proposta de lectura asistida con cans
Obradoiro de Cadelar en Ponteceso Xa coñece a moitos alumnos da comarca, pero parece que Nuba quere coñecer moitos máis. A fermosa cadela do proxecto Cadelar volve á bisbarra. Farao nun singular obradoiro de lectura que se desenvolverá o vindeiro mércores 14 de xuño na Biblioteca de Ponteceso. Con esta novidosa e pioneira iniciativa preténdese proporcionar aos cativos/as un ambiente relaxado e tranquilo xunto a un compañeiro moi divertido e “peludo” co que ademais de poñer en práctica as súas habilidades lectoras fomentarán a súa capacidade comunicativa e de interacción social. A actividade, que será de balde, está dirixida a nenos e nenas de 6 a 8 anos de idade con ganas de vivir unha experiencia extraordinaria e inesquecible. Para participar tan só é preciso cumprir uns requisitos básicos que pasan por non ter medo aos cans, non padecer alerxias aos animais e estar dentro da franxa de idade establecida. O obradoiro estará dirixido por Julia e Irene, expertas en intervencións con cans no ámbito infantil e xuvenil con máis dunha década de experiencia. As persoas que estean interesadas en participar deberán anotarse no Centro Veterinario A Ponte chamando ao teléfono 881 982 475. Para garantir a participación de todos os/as asistentes e asegurar un maior aproveitamento da clase, establécese un aforo máximo de 15 nenos/as.

Como é a sesión

A sesión, que dará comezo ás 18:30 horas , terá unha duración de 60 minutos. Tras saudar e familiarizarse co can, procederase á lectura de varios contos adaptados á idade dos participantes e realizaranse algunhas actividades prácticas co animal para que os máis pequenos/as aprendan as responsabilidades que conleva ter unha mascota. Ao remate, todos os nenos e nenas levarán un agasallo como recordo e poderán despedirse un a un do seu amigo “peludo”. Entre os múltiples beneficios desta iniciativa, o departamento de Carlos Penedo destaca o fomento da interacción e a comunicación entre os máis cativos grazas á presencia dun animal co que comparten experiencias e curiosidades. Deste xeito, a lectura convértese nun acto lúdico e divertido, motivando e estimulando a concentración e a imaxinación dos nenos e nenas, que aprenden de maneira natural e distendida sen presións nin dificultades.

Novas relacionadas

https://quepasanacosta.gal/os-coles-da-bisbarra-gozan-e-aprenden-con-cadelar/ https://quepasanacosta.gal/cadelar-e-incrible-ver-como-lles-cambia-a-cara-cando-ven-entrar-a-nuba-e-o-que-disfrutan-traballando-con-ela/

Comentarios