Xoves. 25.04.2024
El tiempo

Candelagho. Cando o abandono do rural e a invasión eólica se converten en oportunidade pra a especulación

  • As "Amigas da Serpe" lanzan este SOS ante a estrana situación desta aldea cormelá.
Candelagho-Corme baixo os viraventos
Candelagho á sobra dos viraventos
Candelagho. Cando o abandono do rural e a invasión eólica se converten en oportunidade pra a especulación

Quen lle ía dicir ás pedras, ás casas que serviron de fogar a todas as familias que durante séculos poboaron e fixeron comunidade na aldea de Candelagho, que o seu futuro subastaríase ao mellor postor coa complicidade de políticos, inmobiliarias e medios de (des)información.

Tanto esforzo de incalculábeis xeracións, tantas mulleres e homes xunguidos á terra con xugos de boi, labrando a esperanza das súas familias pra que hoxe especulen co noso patrimonio e o noso futuro.

Levamos máis dun mes vendo coma nos xornais do país e de fóra (la voz de galicia, correo gallego, quincemil, as ,el confidencial, la vanguardia, TVG) pregoan coma unha oportunidade única a venda dunha aldea abandonada na Costa da Morte. Moitas destas veces a nova vai acompañada dunha foto que nin tan sequera é de Candelagho, coma no facebook do alcalde do Concello de Ponteceso, ao que Candelagho pertence, o día 25 de setembro. No resto de artigos sae unha foto de dúas casas da aldea que non son as que están á venda. Que sinxelo parece escribir un artigo pra un xornal...se nin sequera ten que ser verdade.

O titular da nova é simplemente mentira. Nin se vende toda a aldea nin está abandonada. Véndese (é dicir, revéndese) unha parte da aldea, que non chega nin a ser a metade. Revéndese porque os actuais propietarios son os terceiros compradores - vendedores nos últimos anos.

Certo é que Candelajo ten oportunidades, como tantos lughares do rural galego, abandonados pola administración mais acariñados e mantidos polo folgo dalgunha xente. Oportunidades que non comezan nin rematan cos 200 mil euros que están a facela famosa, construíndo unha imaxe idílica nos máis bravos montes do Roncudo. Oportunidades que as institucións encárganse non só de non difundir, senón de obstaculizar.

Candelagho non está abandonada.

A día de hoxe, e cada día, hai unha casa que segue viva, grazas ó traballo e esforzo dunha marabillosa persoa que alí naceu e que alí sobe tódolos os días, coidalos animais, habitalo seu lugar. Vivir alí. E que agora ten que soportar que os carros lle aparquen na porta para tomalo por axente da inmobiliaria e, ademais, non paren de preguntarlle se é a súa casa a que se vende.

Tamén, e até vai poucos meses, Candelagho estaba habitado e coidado por Carabel das cabras. As mulleres desta Asociación para o coidado da terra levaban máis de catro anos dándolle vida e amor ao lugar. O seu proxecto consistía nunha cooperativa de crianza de cabras, horta comunitaria, obradoiros sobre saberes tradicionais, traballos de limpeza e mantemento dos camiños e fincas e organización de eventos socioculturais, coma magostos, xuntanzas coa xente que alí morou, foliadas, posta en funcionamento do antigo forno...

Esta fermosa utopía non era soño, era realidade. Mais contou coa oposición frontal da administración pública, principalmente, do concello de Ponteceso. E o golpe definitivo ao proxecto foi a Repotenciación do Parque Eólico 3G do Roncudo, feita con nocturnidade e aleivosía nos meses máis duros da corentena. As mulleres que formaban Carabel das Cabras deciden darlle fin ao proxecto, xa que non queren que os animais teñan que soportar a contaminación acústica e o estrés dos mega eólicos, a tan só 100 metros.

Quizais este proxecto e moitas das súas actividades poderían ter sido unha nova sobre as oportunidades de Candelagho nos xornais. Mais non foi así.

Curioso, así mesmo, que ningún medio de comunicación nin o señorito alcalde falen destes novos mega muíños á beira do lugar, uns lindando con Rede Natura e outros chantados na propia Zona de Especial Conservación (ZEC). Un pequeno detalle sen importancia, dirán eles. Un golpe de graza para Candelagho, berramos nós .

A Repotenciación do Parque Eólico do Roncudo instalou 7 mega eólicos no entorno destes montes entre o 2020 e o 2021. 3 á beira de Candelagho, un destes xusto enriba, literalmente, da Poza da Lagoa, un humidal único na zona, que serve de refuxio a centos de aves e réptiles, con vexetación en perigo de extinción; e que polas súas peculiaridades debería ter requirido un esforzo por parte da administración para constar rexistrado no Inventario de Humidais de Galiza, e ser así espazo protexido. Mais non.

7 eólicos que son a condena a morte da aldea de Candelagho e da aldea do Roncudo.

candelago baixo eolicos

Nestas datas nas que a especulación co prezo da luz por parte das eléctricas españolas é o pan de cada día, seguen a inundarnos con centos de proxectos de novos parques eólicos que só benefician as empresas, e que a nós só nos deixan destrución. Destrución do noso entorno no máis amplo senso: ambiental e patrimonial, moral e cultural; aspectos que se saben inseparábeis para calquera que ame a natureza e o lugar que habita, sabendo que non existen progreso nin desenvolvemento se iso supón a devastación do entorno, e por tanto a desaparición do que nos vencella co pasado e seus xeitos de vida, coa sabedoría non só de nosos avós e avoas, senón ancestral e inmaterial.

Os vellos camiños polos que ían a pé de aldea en aldea, os valados de pedra tradicionais son figuras protexidas nas leis de patrimonio cultural, mais aquí foron destruídos sen salvagarda ningunha da administración pública, máis ben coa súa complicidade. E impunidade, claro. Por non falar do asfaltado en plena Rede Natura, da contaminación dos regatos, da destrución da Poza da Lagoa, dos petóns desaparecidos, dos cabos agochados baixo terra...

Para ver en imaxes e saber máis, o colectivo da zona Xente do Rural lanzou na primavera pasada un vídeo-manifesto Desmantelando a vida, sobre este proceso que pode verse no youtube (Danos Irreversibles da Repotenciación do Parque Eólico 3G de Corme).

Si, sabémolo de sobra, hai moitas máis oportunidades neste esfameado mundo capitalista para quen se alía coas grandes empresas e coa especulación inmobiliaria, para quen regala o territorio a cambio dunha miseria para o pobo, mais unha boa recompensa para si mesmo. Se non fora deste xeito...saberíamos polos medios e polas redes sociais do alcalde, moitas destas outras cousas sobre Candelagho. Mais non.

O pasado sábado 30 de outubro, a Plataforma pola defensa do Monte As Salgueiras (ao outro lado de Corme, onde tamén queren instalar outro parque eólico) e ADECOM (Asociación pola Defensa Da Costa Da Morte) convocaron unha concentración na aldea, baixo lema “Papaventos contra os viraventos”. Ese mesmo día foi a TVG gravar unhas imaxes e facer un par de preguntas ao alcalde Xosé Lois, e ao veciño da única casa habitada da que xa vos falamos. Que casualidade. Nos reducidos minutos que Galicia Noticias FDS adica á nova, non hai nin unha verba da convocatoria. Nin unha verba do Parque eólico que pode verse nas imaxes. Dous longuísimos minutos se estas a agardar algunha información nova, veraz. Mais non.

Invitamos nestas liñas a calquera responsable público ou privado do Parque eólico do Roncudo a que den un paseo pola zona agora que xa viran os 7 monstros. O ruído é insoportabel. Tamén a toda persoa que crea que só coas verbas enerxía renovábel e transición enerxética, e suficiente para deixar que empresas e gobernos destrúan canto queiran .

En vez de potenciar o uso lúdico e o valor cultural e patrimonial da nosa costa, condenan a estas terras da beiramar á destrución e esquecemento... E todo este dano a cambio dunha pista de padel e unha tirolina infantil no Osmo... Este é o beneficio que deixou o parque eólico para o pobo ...Ah, tamén asfaltaron un tramo de pista, verdade...

Véndense o noso territorio e patrimonio por unhas miserábeis migallas, en nome do progreso... Mais en Corme xa coñecemos ben os beneficios do progreso; ese que leva anos baleirando e deixando morrer a nosa vila...

Non basta con oportunidades, é preciso ter intencións e vontade para contribuír á vida dun lugar.

E que dicir da postura do señorito alcalde de Ponteceso, Xosé Lois Garcia Carballido? Coñecido por facer do noso o único concello de Galiza que quedou sen os cuartos da deputación; cuartos que veñen dos nosos impostos. Tamén coñecido por ser o alcalde que só traballa nas redes sociais, centos de fotos subidas nestes pouco mais de 2 anos de lexislatura (dende unha foto cun novo contedor , a outra foto dunha obra dunha nova pista asfaltada...)

E ademais, agora, tamén axente inmobiliario, supoño que agardando pola porta xiratoria do sector especulativo (que tan de moda están no seu partido PSOE), xa que no sector eólico seguro que xa a ten garantida.

Agradamos que se é un axente inmobiliario honrado, lle diga aos posíbeis compradores de Candelajo, que montou uns mega eólicos xusto enriba da aldea, un pequeno detalle sen importancia (se estas pensando gastar 200000 euros nunhas ruínas)

Xa esta ben de hipocrisía, ninguén do Concello se interesou nunca antes por Candelajo e as súas oportunidades. Nin pola súa maxia, nin pola súa alma. Ningún dos nomeados medios de comunicación puxeron o menor interese na verdade deste lugar, son simplemente voceiros das grandes empresas e dos especuladores.

É tan barato... e pode ser tan rendible... deixar morrer un lugar... Nas nosas mans esta recuperar do abandono o noso patrimonio.

  • As Amigas da Serpe

Comentarios