Martes. 19.11.2019
El tiempo

Fin as obras da Ponte da Garga

Fin as obras da Ponte da Garga

Levou o seu tempo pero agora valerá a pena. A apertura do viaduto ao tráfico evitará aos veciños da parroquia de Anllóns un desvío de 7 kilómetros para acceder ao centro de Ponteceso. O alcalde, Lois García Carballido, destacaba esta maña o compromiso da Deputación co arranxo da ponte, aportando os 177.000 euros necesarios. 

ponte da garga formoso Acto simbolico de apertura da Ponte da Garga en Ponteceso

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, participou no acto de inauguración da Ponte da Garga, en Ponteceso, que tras 19 meses pechada volveu a abrirse ao tráfico. González Formoso realizou, xunto co alcalde pontecesán, Lois García Carballido, o acto simbólico de apertura do viaduto, retirando a valla das obras, un momento ao que asistiron numerosos veciños do municipio. O presidente do ente provincial agradeceu a “paciencia dos veciños e veciñas que estiveron moitos meses sen poder atravesar a ponte pola que levaban pasando séculos, o cal complicou a súa vida diaria durante demasiado tempo”. O novo viaduto evitará un desvío de 7 kilómetros para acceder ao centro de Ponteceso desde a parroquia de Anllóns. 

González Formoso fixo un chamamento a todas as administracións para que a experiencia da Ponte da Garga “sirva de exemplo de que o patrimonio hai que coidalo” e “ante unha emerxencia, todas as administracións deben implicarse, especialmente as que teñen competencia na materia”. Neste sentido, Formoso puxo en valor “o humilde papel da Deputación, que sempre está a carón dos concellos, aínda que neste caso non teña competencia en patrimonio histórico e tivera que traer fondos doutras partidas”.

 O alcalde pontecesán, Lois García, agradeceu a colaboración de “tódolos que se implicaron en que hoxe podamos abrir a ponte” e destacou a satisfacción dos veciños co resultado final das obras. “Hai persoas de Anllóns de noventa anos que están hoxe emocionadas porque nunca viran que se restaurara a ponte deste xeito”, resaltou. García Carballido agradeceu especialmente “ao goberno da Deputación pola subvención nominativa de 100.000 euros e por permitirnos financiar o resto, 77.000 euros, a través do seu Plan Único”. “A Xunta só contratou o proxecto, se non fora pola Deputación ese proxecto seguiría sendo unicamente un papel e a ponte seguiría caendo”, sentenciou.

 As obras na Ponte da Garga, que contaron cun orzamento de 177.000 euros aportados integramente pola Deputación, consistiron principalmente na reparación dos danos que presentaba o viaduto, tanto na superficie como no seu asentamento subacuático. Estes traballos incluíron a estabilización da cimentación, a reparación de gretas e ocos, a colocación de tirantes de aceiro para atar e reforzar a pila e a inxección de aglomerado.

 Tamén se reforzou a estrutura cunha rosca de formigón con barras de aceiro para atar os cinco aneis que compoñen as bóvedas transversalmente. Esta armadura permitirá que a ponte poida resistir sobrecargas excepcionais, xa que a rosca ábrese e péchase unha vez deixe de actuar a sobrecarga. As obras incluíron a eliminación da vexetación e das pequenas árbores enraizadas na ponte, que data do século XIX, e a retirada dos tubos que colgaban das cornixas. Ademais,

repavimentouse a calzada que discorre sobre a ponte, reconstruída cunha nova rasante lixeiramente alombada (o centro da ponte situarase 5 cm. máis alto que as entradas) para facilitar o desaugadoiro da auga de choiva.

Comentarios