Venres. 19.04.2024
El tiempo

Ponteceso pon en marcha outro ano máis os Campamentos de Nadal

826-03 Folleto Ponteceso Campamento de Nadal v1
Ponteceso pon en marcha outro ano máis os Campamentos de Nadal

Chegan as vacacións escolares de Nadal e con elas un novo crebacabezas para moitos pais e nais con fillos en idade escolar. É por isto que o Concello de Ponteceso volve a poñer en marcha os tradicionais Campamentos de Nadal a través do programa Respira que promove a Concellería de Servizos Sociais. Este ano, como novidade,  os nenos e nenas contarán con máis días de diversión  e actividade, 8 en total, e os pais disporán de conciliación o día de Noiteboa e o de Fin de Ano.

Ademais de axudar a compaxinar traballo e familia,  ofrecerá un amplo programa de actividades, repleto de divertidas e interesantes propostas educativas baseadas no xogo e na aprendizaxe. Obradoiros de artes plásticas, teatro, contacontos, xogos pre-deportivos e un feixe de sorpresas máis completarán a oferta lúdica coa que poremos a proba o enxeño, a creatividade e a imaxinación dos máis cativos.

Os campamentos, dirixidos a nenos de 4 a 12 anos de idade, desenvolveranse os días 23, 24, 26, 27, 30 e 31 de decembro e o 2 e 3 de xaneiro no Edificio das Escolas de Ponteceso e no pavillón municipal de Corme. No primeiro caso, o horario das actividades será de 10:00 a 13:00 horas, mentres que no segundo comprenderá de 10:30 a 13:30 horas.

As familias interesadas en participar neste programa, totalmente gratuíto, deberán inscribirse no departamento de Educación Familiar de Ponteceso (881 983 223) e/ou na Oficina Municipal de Corme (981 738 428) en horario de 9 a 14 h. O prazo para anotarse permanecerá aberto do luns 16 ao xoves 19, ambos incluídos. Dado que as prazas son limitadas, a adxudicación realizarase por rigorosa orde de inscrición e será preciso achegar acreditación da necesidade de conciliar vida familiar, laboral e persoal.

Comentarios