Mércores. 21.08.2019
El tiempo

Ponteceso recupera o Certame Internacional de pintura ao aire libre Álvarez de Sotomayor

A quinta edición, que se celebrará o 17 de agosto, coincide co bicentenario do Museo del Prado, do que foi director durante trinta anos
 
Presentación do Certame de Pintura Álvarez de Sotomayor de Ponteceso 2019
Presentación do Certame de Pintura Álvarez de Sotomayor de Ponteceso 2019
Ponteceso recupera o Certame Internacional de pintura ao aire libre Álvarez de Sotomayor

Despois das primeiras edicións, estaba collendo proxección internacional. Por iso parece unha boa idea que Ponteceso, ao completo, recupere un Certame internacional de pintura ao aire libre Fernando Álvarez de Sotomayor que levaba 3 anos esquecido. A cita, que pon en valor a figura dun artista estreitamente ligado ao concello bergantiñán, volverá servir de foco de atracción para artistas de toda a península, como detallaron onte membros do Concello, da Asociación de Empresarios e da Fundación Eduardo Pondal.

Deste xeito, Ponteceso volverá convertirse nun lenzo vivo durante a 5º edición do certame, que se desenvolverá o vindeiro 17 de agosto. Todo, neste 2019, ano simbólico pola celebración do bicentenario do Museo del Prado, do que Álvarez de Sotomayor foi director durante trinta anos.

Claves son a neta do artista, Maya Álvarez de Sotomayor, crítica de arte, e o seu home, Hernán Cortés, considerado un dos mellores retratistas de España, que todos os anos retornan a Sergude, e que son grandes embaixadores da zona, e que, por suposto, formarán parte do xurado, xunto con Gabriel Astudillo, presidente da Asociación Española de Pintores; a arquitecta Isabel Aguirre, o ex presidente do Consello da Cultura Galega Ramón Villares; o delegado de La Voz de Galicia en Carballo, Xosé Ameixeiras, e o alcalde, Lois García Carballido, aínda que a composición do tribunal non está pechada.

Comercios implicados

A Asociación de Empresarios tamén se implica e o 17 de agosto o comercio pontecesán estará aberto e decorado con láminas de Álvarez de Sotomayor. E tamén se implicará á hostalaría local nas actividades paralelas, como unha ruta de pinchos, animación nos bares con grupos de música tradicional e outras propostas.

Inscrición

Os/as artistas que queiran participar poden preinscribirse no correo electrónico [email protected], aínda que as inscricións definitivas realizaranse o propio día 17 de agosto no Centro Cultural Xosé Neira Vilas. A xornada a comezará ás 09.00 horas e rematará ás 21.00, tras dúas horas de exposición ao público das obras participantes, que, sempre que non resulten premiadas, poderán venderse. A organización establece 12 premios: o primeiro, dotado con 3.000 euros; o segundo, 1.500; o terceiro; 1.000; o cuarto, 600; o quinto, 500, e a partir do sexto, 400 euros. Na ultima edición participaron 75 artistas, e nesta ocasión limítase a 100.

Novas relacionadas

Comentarios