Xoves. 28.03.2024
El tiempo

Ponteceso recupera o conxunto etnográfico do Rego das Bouzas

Ponteceso recupera o conxunto etnográfico do Rego das Bouzas
fervenza-brixeria-ponteceso Dentro do conxunto etnográfico do Rego das Bouzas de Ponteceso atópase a fervenza da Brixería Despois de anos de abandono, o concello de Ponteceso puxo en marcha o proxecto de recuperación do Rego das Bouzas, un conxunto etnográficos composto por unha ducia de muíños que ten a particularidade da existencia dun espectacular salto de auga: a fervenza da Brixería. O abandono deste importante espazo natural durante décadas provocou o deterioro das construcións, o crecemento desmesurado da vexetación e a perda dos antigos sendeiros que comunicaban os muíños, hoxe practicamente ruinosos. Así se reflicte no proxecto da actuación, “elementos etnográficos coma pontellas, muíños con cubrición de pedra, canles ou elementos naturais coma a cascada ou as especies arbóreas autóctonas, son engulidas por especies invasoras que inundan os diferentes tramos deste rego”. Para poñer fin a esta situación o goberno muncipal puxo en marcha un proxecto que se desenvolverá en varias fases. Nesta primeira, consiste en restablecer o acceso desde o núcleo da Brixería e de recuperar unha senda para comunicar catro dos muíños que integran o conxunto, ademais de rehabilitar un deles e de crear un pequeno espazo para a contemplación da espectacular fervenza. O camiño de acceso acondicionarase  cun tratamento similar ao utilizado no malecón e quedarán preparadas as canalizacións para futuras instalacións de electricidade ou telefonía. No resto dos camiños está previsto consolidar o terreo natural combinando zonas con escaleiras de bloques de pedra de granito e lousados do mesmo material que marquen a ruta. A actuación inclúe tamén a rehabilitación dun muíño con materiais tradicionais. E, por último, crearanse zonas de descanso con bancos, un dos cales estará situado xusto debaixo da fervenza. De cara ao futuro seguirase mellorando o conxunto etnográfico do Rego das Bouzas actuando noutros treitos e continuando coa recuperacións dos elementos tradicionais deste espazo natural. Fonte

Comentarios