Venres. 26.04.2024
El tiempo

Tallo celebra cunha Polafía o Día Mundial da Narración Oral

Tallo celebra cunha Polafía o Día Mundial da Narración Oral
Polafia en Tallo-Ponteceso

A Costa da Morte é potencia en materia cultural, e a visita da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega para celebrar o Día Mundial da Narración Oral así o refrenda. A entidade celebrará en Tallo, Ponteceso, tal data, unha “Polafía” co lema “Non deas a esquecemento”, como fixeran xa no 2011 en Cabana e Cerqueda.

A partir das 17:00h do sábado 21 a Escola de Tallo recibirá a varios regueifeiras/os nun acto que conta ca colaboración da Fundación Eduardo Pondal, o Concello de Ponteceso, o Centro Rural Agrupado CRA Nosa Señora do Faro, e o patrocinio da Consellaría de Cultura e a Deputación Provincial da Coruña.

Nunha cita na que os contidos serán gravados, catalogados, transcritos e subidos á web da AELG, sumándose aos 760 vídeos xa existentes das 27 polafías celebradas por todo o país desde 2007.

Estarán grandes copleiros como:

  • Carmen Eiroa (Pardiñas-Tallo), que falará dos regueifeiros/as que coñeceu (por exemplo, a afamada Leonarda de Tallo).
  • Obdulia (Xornes), quen falará de seu pai, o afamado Calviño de Tallo.
  • Teresa (A Campara-Cores), contaranos do afamado Cadete de Figueroa-Cores.
  • Carmen (Mandián-Xornes), ilustraranos sobre o seu parente, o afamado Mandián de Xornes.
  • Matilde Vilariño (Dombate-Borneiro), recitará un poema sobre os regueifeiros, composto especialmente para esta Polafía.
  • E as regueifeiras e regueifeiros Lola, de Pardiñas (Tallo), Dolores do Coxo (Borneiro), José de Severo (Borneiro), Manuel Fariña (Cesullas) e Suso de Xornes.

Ademais, o profesorado e alumnado do Centro Rural Agrupado Nosa Señora do Faro tamén colabora e participa nesta Polafía. E a parte musical poñeráa Eloy Mato, neto de Matilde Vilariño, de Dombate.

A entrada é libre até completar aforo.

Novas relacionadas

Máis novas

Fonte

Comentarios