Venres. 29.03.2024
El tiempo

Con Laxe no punto de mira

Con Laxe no punto de mira
  • Cando as olladas atónitas divisaron esa esfera indefinible surcando os ceos despexados de Soesto, no anoitecer dun domingo de magosto, onde aquel mar picado foi testemuño impasible daquel obxeto celestial que, de oeste a este, trazou unha liña imposible coa velocidade dun misil.
 

Unha veciña foi a que fixo saltar a lebre coa súa valente confesión no facebook, nese novo portal colectivo “XENTE E AMIGOS DE LAXE”, pero a súa revelación inadmisible curiosamente foi respaldada por un nutrido grupo de declarantes que se atreveron a divulgar públicamente tal acontecemento, coincidindo ademáis esas versións deste caso tan controvertido. Só un dos tertulianos, comedido e tamén moi educado, prefiriu denominalo “posible dron de posesión doméstica”, sen censurar as convencidas descripcións dos demáis membros. En definitiva… que é o que surcou o ceo, dende Soesto ata Laxe, no anoitecer do 8 de novembro de 2015?… “E ata aqui podo ler”.

E precisamente foi ese mesmo día cando se celebraron as probas clasificatorias para o campionato galego de surfcasting (1) que tiveron lugar na devandita praia de Laxe, na nosa vila morena galega. É unha honra que as nosas areas sexan referencia nacional nesto da pesca deportiva. Dende Carnota, Nemiña, Lires, Traba, Soesto, etc,… ata o tótem das plaias axeitadas para este deporte… Razo, por suposto… mais é o manso e prácido areal de Laxe o que conta con bandeira azul, coa súa branca figura, e ademáis é a mellor acondicionada para este tipo de eventos, tan atractivos para a nosa Costa Verdescente.

Foi Xose Manuel Barros, alma máter da Asociación Mar de Fábula, un dos culpables, directo ou indirecto, de que as nosas franxas litorais acabasen no punto de mira de toda España coa súa laboura, colectiva e voluntaria, de limpeza dos plásticos e refugallos que emponzoñaban “as areas de praias tan bravas”** . Foi tamén moi eloxiado pola crítica ese artigo seu falando do corredor marítimo de Fisterra que a vinte millas do litoral mantén un tráfico de buques que acada a cifra de corenta mil navíos o ano, nada máis e nada menos, de tódalas nacionalidades e bandeiras. Bidóns baleiros con letras exóticas e símbolos de “contido tóxico considerablemente perigoso”, riscos que aboian, en ocasións, nas nosas ribeiras. Outros moitos, a saber cantos, acaban no fondo do fondo do mar.

Precisamente este mariñeiro xubilado, Xose Manuel, de orixen ferrolán, pero con casa en Camelle, e co seu corazón xa eternamente plantado nesta rexión agreste e oceánica, expoñerá unha pequena parte do seu traballo artístico e atlántico nesa mostra de artesanía comarcal, tan suxerente, que vai ter lugar o día 22 deste mes, domingo a tarde, no pavillón de Laxe, e por ali andarei ….“in person”, pois a cita esta promete sorpresas.

Décimo terceiro aniversario do afundimento do Prestige e 125º aniversario da traxedia do H. M. S. Serpent, Cabo Vilán, foron só algunhas das escuras conmemoracións neste mes de novembro.

Será decembro un mes tan mariñeiro e soleado como foi este novembro? Este mes que foxe como ese misíl circular e celeste que nos deixou pasmados aquel día oito de novembro, algo antes dese venres trece tan lamentable que marcará a fogo pra sempre a lembranza dos nosos naufraxios… e tamén o naufraxio da paz europea cando París se afundía en só unha hora.

Ogallá que sexa este nadal un decembro de cambios importantes e, ante todo, de paz.

  • Óscar de Souto, pintor de follas en branco e autor de Trece Poemas.

Outros artigos de Óscar de Souto

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios