Martes. 19.03.2024
El tiempo

A Deputación di non ao proxecto mineiro Isabela II

A Deputación di non ao proxecto mineiro Isabela II
O pleno da Deputacion presentou unha declaracion institucional na que rexeita o proxecto mineiro Isabela II O pleno da Deputacion presentou unha declaracion institucional na que rexeita o proxecto mineiro Isabela II Os grupos políticos que forman a Deputación da Coruña daban onte a coñecer a "Declaración Institucional sobre o proxecto de investigación mineira Isabela II" que ameza a unha boa parte do territorio de Zas, Santa Comba, Vimianzo e Coristanco. E o acordo é claro. Por unha parte, o pleno da Deputación da Coruña acorda pedirlle á Consellería de Economía, Emprego e Industria que teña en conta as alegacións presentadas polos concellos afectados. E por outra, demandar da Xunta de Galicia e, particularmente da súa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, fomentar e apoiar a realización dentro da comunidade universitaria e científica galega, de proxectos de investigación que, como o Isabela II, teñan como obxecto un mellor coñecemento dos recursos do noso territorio. A Resolución do 4 de febreiro de 2013, da Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria da Coruña, quen resolveu favorablemente a admisión definitiva da solicitude presentada o 20 de xuño de 2011, no Rexistro Único da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza na Coruña, pola sociedade Grupo M-FM 2001, S.L., de permiso de investigación mineira de recursos da sección C), Isabela II, número 7121,de 156 cuadrículas mineiras, situado nos termos municipais de Zas, Santa Comba, Vimianzo e Coristanco, na provincia da Coruña (DOG nº. 9, do 15 de xaneiro de 2016) e somete este a información pública. O proxecto de investigación afecta a 4.368 hectáreas, máis do 90% situadas no concello de Zas. Tal e como indican dende a Deputación da Coruña, fálase dun investimento de 548.000 euros en tres anos con 34 sondaxes directas, 100 calicatas e numerosas rozas sen definir. Promotor dubidoso Segundo indica solvencia técnica e profesional do promotor é cando menos dubidosa o administrador único da sociedade, cun capital social de 3,8 millóns, tamén o é dun grupo de pequenas construtoras, inmobiliarios e empresas extractivas. Entre estas figura Tico S.A., "que fora acusada pola Fiscalía por danos ambientais no Parque Rexional do Sureste da Comunidade de Madrid", aseguran dende a Deputación. Por outra banda, non acredita a solvencia económica e financeira e, por tanto, o tempo transcorrido desde a presentación da certificación financeira, deixa esta sen valor. "Trátase dunha empresa pequena que non acredita dispor dos medios técnicos suficientes para desenvolver a súa actividade, e que consta no CNAE 4110 coa actividade de promoción inmobiliario (informe Axesor de data 05/11/2015) e xestión inmobiliario" apuntalan dende o órgano provincial. Segundo indican os membros do Pleno da Deputación, o permiso de investigación proxectado de Isabela II excede, nada menos que nun 1040%, o límite de 15 cuadrículas establecido na lei de ordenación da minaría de Galicia, sen que se xustifique en ningún momento cal é a excepcionalidade que posibilita unha superación tan anormal do límite establecido. Non se axusta ao criterios das melloras técnicas dispoñibles, xa que opta por procedementos comúns en proxectos de investigación mineira desta natureza, nin se basea na súa natureza estratéxica ou do seu interese para a economía galega. Moi ao contrario, no punto 12 do proxecto, o interese que xustifican é o da propia empresa que, como indica textualmente no proxecto “Sobre estas 156 cuadrículas mineras, GRUPO M-FM 2001, S.L., quiere realizar labores de investigación con el objetivo de localizar esas reservas que garanticen su desarrollo futuro y aseguren su crecimiento como empresa minera”. Orzamento obsoleto Para os membros do Pleno da Deputación provincial, a falta de solvencia económica do proxecto é tamén patente, posto que incide no aumento do 543% do prezo do metal precioso de 2000 a 2011, chegando a alcanzar os 1.886 dólares a onza (de aproximadamente 31 gramos de ouro). A día de hoxe, a cotización do ouro esta nos 1.100 dólares a onza. Ademais, os orzamentos, obsoletos, están datados no ano 2011, e neles faise referencia a un tipo de IVE (18%) que xa non está en vigor desde hai varios anos. Outro dos puntos polos cales a Deputación di non a este proxecto é porque 156 cuadrículas sinaladas afectan a un contorno moi humanizado, que inclúe diversas parroquias e numerosos núcleos de poboación, como Treviño no concello de Vimianzo, ou Baizana, Artón, Loroño, Vilachán, A Toxa, Penedo, Sto. Adrián de Castro, A Andregalla, Arcar, Berbia, A Costa, Follente, Zas, Vilar do Mato, Rosende, Mira, Ventoselo, Gontalde, Pedramaior, Teixidón, Carreira, Romelle, A Devesa, Vilaestévez, Vilar Ramilo, Gomarís, Lamas, Castro, A Braña, entre outros, no concello de Zas. Ao mesmo tempo, dende a Deputación indican que non están de acordo co contido e conclusións do punto 14 do proxecto de investigación pois "resulta cando menos sorprendente a ausencia da máis mínima referencia ás máis que posibles afeccións negativas ao sistema hidrolóxico". O proxecto executarase sobre un territorio con densa irrigación, tanto de correntes superficiais, como principalmente de cursos subterráneos, dos que dan sinal os numerosos afloramentos en forma de fontes e mananciais dos que, en moitos casos, se abastecen vivendas e explotacións, e que poderían alterarse resultando desviados e incluso desaparecendo polos cortes das calicatas e polas perforacións. Riqueza do terreo En Zas recolleronse mais de 1.100 sinaturas en contra do proxecto mineiro En Zas recolleronse máis de 1.100 sinaturas en contra do proxecto mineiro A ampla extensión de terreo afectada destaca pola súa riqueza agrícola, forestal, silvícola, gandeira, turística e paisaxística, constituíndose en áreas territoriais idóneas actual e potencialmente para as citadas explotacións, tendo que ser por tanto, obxecto de especial protección, tal e como a realidade física dos terreos ocupados así o demostra. Por tanto, conclúese que proxectos auríferos en zonas de baixa lei media como as comarca de Xallas, Soneira e Bergantiños carecen de sentido e non son razoables en ningún caso a nivel económico, sobre todo pola problemática socio-ambiental que implican. "Son os proxectos extractivos desta índole os que poñen en cuestión a correcta e lexítima xestión que un goberno fai do interese público, xa que neles, os recursos públicos pasan a ser explotados por mans privadas sen outro fin que o seu propio beneficio económico e o enriquecemento, obtendo o interese público como contra-prestación un territorio e unha sociedade esquilmados, empobrecidos e desnaturalizados", sinalan nas declaracións institucionais do Pleno da Deputación. Asemade, a rendibilidade deste tipo de minería parte duns produtos químicos de baixo prezo, como por exemplo o cianuro, que é potencialmente tóxico e letal para os ecosistemas, polo que o medio natural que quedaría soportando unha longa hipoteca medioambiental que transcendería a varias xeracións, con solos estériles, lodos altamente tóxicos, auga contaminadas e unha paisaxe degradada e sen a flora e fauna que a caracterizan. "Consonte co anterior non ten sentido autorizar un permiso de investigación, cando a súa ulterior ou hipotética explotación non ten viabilidade nin económica, nin medioambiental, nin social", indican no escrito. Dentro do seu "non" ao proxecto salientan tamén que os gobernos municipais de Vimianzo, Coristanco e Zas presentaron alegacións ó proxecto, manifestando a oposición ao mesmo. No concello de Zas presentáronse 1.181 sinaturas contra deste proxecto e 307 alegacións individuais.

Novas relacionadas

Fonte 

Comentarios