Venres. 19.04.2024
El tiempo

Adiante Vimianzo reivindica o seu papel fiscalizador na oposición

Pleno Vimianzo 1
Imaxe dun pleno virtual en Vimianzo
Adiante Vimianzo reivindica o seu papel fiscalizador na oposición

Envía un comunicado Adiante Vimianzo no que pretende reivindicar a súa labor fiscalizadora dende a oposición. O grupo entende que “non estamos na oposición para aplaudir ao goberno municipal como fan outros, senón para mirar polos intereses veciñais e o bo uso dos cartos públicos”. E sinala que “seguiremos a facer unha oposición que poña o acento en mellorar a xestión municipal e en evidenciar as irregularidades que se cometan”.

Asegúrao despois de que a Xustiza dese a razón ao goberno socialista vimiancés, despois da denuncia presentada por Adiante Vimianzo por unhas supostas irregularidades na contratación do alumeado de Nadal en 2019. “O goberno municipal de Vimianzo debe facer as cousas ben, aínda que a xustiza non considere que sexan delitos”, sinalan lembrando que “esta contratación conta con dous reparos suspensivos da Intervención Municipal, que poñen de manifesto irregularidades nesta xestión”.

Non desaproveita o seu voceiro Manuel Antelo para criticar o “total desgoberno e despilfarro de cartos, carente de iniciativa e de propostas para solucionar os problemas dos vimianceses” destes dous anos de goberno socialista. “A incapacidade para gobernar concello queda de manifesto claramente co feito de que non foron capaces de elaborar nestes dous anos un orzamento propio, e o orzamento vixente sexa o aprobado polo goberno de Manuel Antelo que se segue prorrogando ata a actualidade”, apuntan.

Antelo considera que “a alcaldesa é incapaz de dialogar e de chegar a consenso co noso grupo” e lembra que “a propia alcaldesa presentou máis dunha ducia de denuncias cando estaba na oposición”.

Pola contra, a alcaldesa Mónica Rodríguez valora esta manobra como “outra pedra no camiño do traballo e nas iniciativas que responden a necesidades reais da veciñanza, pero para nada sorprenden nin no fondo nin nas formas.” Máis crúa foi a valoración dende o PSOE vimiancés, asegurando que “a obsesión destrutiva de Manuel Antelo condúceo a un novo ridículo” unha vez que “a resolución do recurso especial tumba sete das oito alegacións presentadas por Antelo”.

”Mal goberno é aquel que monta espectáculo para desprestixiar e linchar politicamente á oposición, en vez de levar a cabo iniciativas e obras públicas”, remata Adiante Vimianzo ao tempo que espera do goberno municipal “un cambio de actitude e que deixe o espectáculo público, a insidia, a mentira e o odio fóra da corporación”

Comentarios