Mércores. 24.04.2024
El tiempo

Comezan as inscricións para a VIII feira artesanal, a cea medieval e concurso de fachadas do Asalto ao Castelo

Comezan as inscricións para a VIII feira artesanal, a cea medieval e concurso de fachadas do Asalto ao Castelo
feira-artesanal-asalto-vimianzo A organización vén de abrir o prazo de inscrición para a VIII Feira Artesanal que terá lugar en Vimianzo o 7 de xullo Desvelado xa o cartel do XXIII Asalto ao Castelo de Vimianzo, toca agora poñerse en marcha coas actividades paralelas ao día grande. Así a organización vén de abrir o prazo para apuntarse como feirante na VIII Feira Artesanal e na que non se  poden vender produtos destinados a seren consumidos durante a propia feira. Outro elemento imprescindible a ter en conta é que se debe ambientar o posto ao estilo do medievo e tamén ir vestidos da época. O prazo para participar péchase o 5 de xullo. Para participar, débense aboar 20€ por cada tramo de 3 metros de posto en concepto de fianza. A metade dos cartos ingresados seranlle devoltos no caso da súa asistencia á feira, mentres que a outra metade servirá como fondo para a colaboración coa festa. Para inscribirse débese cubrir un formulario descargable da páxina web da festa www.asaltoaocastelo.org, onde tamén se poden consultar as bases. IX Cea medieval E tamén está aberto o 1º prazo para mercar as entradas da IX Cea Medieval que este ano terá un custe de 25€. Así dende esta semana e ata o 27 de maio, está aberta a venda de entradas para patrocinadores e colaboradores. O número máximo que se poden comprar é de 4 por persoa. As entradas terán que ser solicitadas a través dos seguintes medios [email protected] ou 607 322 430 – preferiblemente por Whatsapp. A xente que aínda non estea identificada como axudante e desexe botar unha man pode anotarse a través dos mesmos medios de contacto, ao mesmo tempo, para comprar entradas para a cea se o considera oportuno. E xa a partir do 28 de maio e até esgotar existencias poranse en venda as entradas que queden libres. O máximo número de entradas a sacar nesta fase será o de 4 por persoa. As entradas tan só se poderán obter a través do portal de venda online www.ataquilla.com. VI Concurso de Fachadas E para implicar á veciñanza, a organización do Asalto querea animar a decorar as súas casas e comercios e a participar no VI Concurso de Fachadas. Estas deberán estar engalanadas, como mínimo, venres 6 e sábado 7 de xullo durante todo o día, aínda que se recomenda que as fachadas luzan decoradas durante toda a semana da festa. A decisión do xurado tomarase atendendo aos criterios de orixinalidade, innovación e laboriosidade, dentro do respecto á ambientación medieval da festa. Pode participar calquera casa, piso ou baixo comercial da vila de Vimianzo, quedando só excluídos os locais hostaleiros (bares, restaurantes e pensións). Unha mesma fachada pode ter distintos concursantes. A inscrición formalizarase a través da páxina web ou enviando un correo a [email protected] no que debe constar: nome e apelidos do/a concursante, teléfono, enderezo exacto da fachada (ou piso) coa que participa. O prazo para presentarse ao concurso remata o martes 3 de xullo.

Novas relacionadas

Fonte

 

Comentarios