Xoves. 25.04.2024
El tiempo

O Concello de Vimianzo lembra que o PE Monte Chan “non está autorizado”

O pleno aprobou, entre broncas, a moción presentada por Adiante Vimianzo
Pleno Vimianzo  copia
Pleno vimiancés celebrado o pasado venres
O Concello de Vimianzo lembra que o PE Monte Chan “non está autorizado”

Presentaba o grupo de Adiante Vimianzo unha moción no pleno do pasado venres, na que solicitaba a rotunda oposición dos grupos municipais ao Parque Eólico Monte Chan, pola súa directa afectación aos Penedos de Traba e Pasarela. O pleno aprobaba a moción por unanimidade por todos os grupos, a pesar do cal houbo discrepancias.

A alcaldesa Mónica Rodríguez quixo destacar que o proxecto do parque eólico de Monte Chan, “que non está autorizado e co que parte da oposición, en concreto Adiante Vimianzo, creou un alarmismo colectivo de primeiras innecesario. Pola contra, para Adiante Vimianzo, a intervención da rexedora “parecía defender máis á empresa promotora que aos Penedos, véndose obrigada a votar favorablemente debido á presión social que non entendería o contrario”.

“Loitaremos ata onde faga falta para que estes aeroxeneradores, que nun principio constan en terreo protexido, non sexan autorizados e creo que é un sentir común a todo Vimianzo”, declaraba a alcaldesa, mentres que Antelo lamenta que “a intervención chea de falacias, por parte da alcaldesa, e de referenzas a temas que nada tiñan que ver co asunto da moción, que conseguiron empañar o que foi un acordo unánime da corporación”.

Queda enriba da mesa a moción presentada sobre o PE de Berdoias, que segundo o grupo de goberno será debatida no seguinte pleno.

Outros puntos

Na sesión tratáronse outros puntos, a ter en conta a aprobación da prórroga do contrato administrativo para a xestión dos servizos públicos municipais da vivenda comunitaria, comedor e lavandería sobre rodas, escola municipal infantil e centro de día. “Entendemos que os servizos son satisfactorios e nun futuro haberá que pensar na licitación duns servizos tan importantes para o noso concello”, destacan desde o goberno local.

Tamén se aprobou unha modificación de crédito por un total de 749.689,08 euros, que irán destinados, entre outros capítulos, ás axudas de hostalería; o proxecto de renovación das luminarias exteriores de todo o termo municipal e á reforma do ximnasio.

Indemnización

Por outra banda, o PSOE vén de denunciar que o concello ten que afrontar unha indemnización de 40.000 euros por “un despido improcedente” provocado pola “nefasta xestión de Manuel Antelo”. Trátase do asunto da normalizadora lingüística, que para pechalo o pleno tivo que aprobar unha modificación de crédito por esa cantidade.

Renovación de luminarias

O Concello dá un paso, coa aprobación no pleno da modificación de crédito máis para executar o proxecto de renovación das instalacións de alumeado exterior por 2,3 millóns de euros. O proxecto que ascende a 2,3 millóns de euros, grazas á subvención do 80% acordada co Instituto para a Diversificación e Aforro de Enerxía (IDAE). Conseguirase, coa renovación de máis de 4.010 puntos de luzo nos 133 lugares do concello, así un aforro de máis do 50% para as arcas municipais no que respecta á facturación deste servizo, implementándose a tecnoloxía LED, máis eficiente e con menor impacto ambiental.

Novas sobre Os Penedos

Comentarios