Sábado. 20.04.2024
El tiempo

Continúa en marcha a restauración do Retablo de San Xoán de Cambeda

Continúa en marcha a restauración do Retablo de San Xoán de Cambeda
Continúan os traballos de restauración do Retablo da parroquia de San Xoán de Cambeda, no Concello de Vimianzo. Uns traballos que contan cun investimento de 20.798 euros por parte da Dirección Xeral de Patrimonio e que consisten na reparación e tratamento da madeira, na suxeición de elementos soltos, o recheo das xuntas, estucado, reintegración cromática e vernizado final. Durante as tarefas de restauración atopouse un sagrario que estaba en desuso e descubriuse que os laterais da mesa do altar tiñan uns bastidores con coiros policromados tapados tras un engadido posterior. “Este último achado teñen unha significación especial, xa que trátase dun caso único na zona e, incluso, o equipo técnico non coñece un caso similar en Galicia”. A recuperación destes elementos incluirase no proxecto, aínda que non demorará moito máis a súa conclusión. Para comprobar o estado das obras, o delegado territorial da Xunta na Coruña, Diego Calvo, acompañado do xefe territorial de Cultura, Manuel Varela, achegouse ao lugar. Diego Calvo resaltou que, como resultado deste traballo, “o retablo está a recuperar a súa viva policromía e ornamentación orixinal a pesares de sufrir moitos incendios ao longo do tempo, mesmo un antes de levar a cabo a policromía”, segundo apuntaron os expertos.

Proceso de restauración

O proceso de restauración consta de varias fases. Nun primeiro momento os traballos consistiron na eliminación do sistema eléctrico e de todo tipo de elementos metálicos; na ancoraxe do retablo e no saneamento da madeira, coa reparación das zonas nas que había couza ou ataques de xilófagos, e coa aplicación dun tratamento en todo o conxunto contra as trazas. Posteriormente, procedeuse á suxeición de elementos soltos, como arcos, molduras e fornelas; ao recheo das xuntas, estucado, reintegración cromática e vernizado final. Non obstante, a meirande parte das tarefas de restauración céntranse en limpar e deixar a policromía orixinal tanto do retablo coma das tallas á vista, o que obrigou á eliminación de dúas capas de repintado.

Novas relacionadas

Fonte

  • Nota de prensa da Xunta de Galicia.

Comentarios